Nova: López Campos reitera o compromiso do Goberno galego coas institucións “dinamizadoras da cultura”

03/10/2024

López Campos reitera o compromiso do Goberno galego coas institucións “dinamizadoras da cultura”

Salienta o apoio da Xunta “a centros museísticos que, como este, poñen en valor o legado dos artistas senlleiros”

O representante do Goberno galego louba a súa traxectoria e a “capacidade de programar propostas de grande interese”

O percorrido incluíu a mostra ‘La fuerza simulada’ da man da artista galega Judith Adataberna

Santiago de Compostela, 3 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, reiterou o compromiso do Goberno galego cos centros museísticos da Comunidade na súa visita á Fundación Eugenio Granell, onde resaltou “o apoio da Xunta a través das súas liñas de axuda a institucións que, como esta, procuran a  posta en valor do legado dos nosos artistas máis senlleiros, ao tempo que se converten en grandes dinamizadores da actividade cultural para o ben da sociedade”.

Así, López Campos, que estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, achegouse ás diversas áreas do museo nun percorrido guiado polo conservador-xefe do mesmo, Eduardo Valiña, no que contemplaron os fondos propios e as exposicións actuais que acolle nos seus espazos. Neste senso, o titular de Cultura da Xunta loubou a “traxectoria da fundación no estudo da obra de Eugenio Granell e do surrealismo sumando material ás súas coleccións, así como a capacidade para programar para todos os galegos e galegas propostas de grande interese que nos fan medrar culturalmente”.

A parada principal da visita realizouse para contemplar a exposición La fuerza simulada, da man da autora, Judith Adataberna, a quen o representante da Xunta destacou por ser “exemplo do gran talento que atesoura a nosa xuventude sendo quen de posicionarse como referentes culturais desde moi novos, con proxectos que convidan a reflexionar”.

Esta mostra en concreto da artista galega, que pechará nos vindeiros días, profundiza  sobre o impacto da tecnoloxía na visión da realidade, explorando as fronteiras entre ese mundo tecnolóxico e o natural.

Judith Adataberna, talento galego

Judith Cerqueira, coñecida polo seu nome artístico Judith Adataberna (Vilaboa, Pontevedra, 1992) é graduada en Belas Artes e ampliou a súa formación cunha bolsa no Laboratorio Audiovisual de Creación y Práctica Contemporánea de Madrid. Realizou traballos como directora de videoclips e colaborou con deseñadores e músicos. A súas propostas formaron parte de festivais como Curtocircuíto, Playdoc ou Filmadrid. Ademais, realizou varias exposicións tanto en Galicia como a nivel internacional.

Comparte