Nova: “Galicia ilusiona” regresa a Vigo coa súa maxia para pechar a gala que percorre as grandes cidades

07/10/2024

“Galicia ilusiona” regresa a Vigo coa súa maxia para pechar a gala que percorre as grandes cidades

A delegada territorial da Xunta destaca a iniciativa que ten como obxectivo levar e encher de ilusión toda a comunidade como reclamo turístico 

O Teatro García Barbón Afundación acollerá o 19 e o 20 de outubro o Festival Mundial do Ilusionismo

Vigo, 7 de outubro de 2024

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns xunto aos magos galegos Pedro Bugarín e Dani Polo o Festival Mundial do Ilusionismo “Galicia Ilusiona”. A iniciativa percorre por tercera vez toda Galicia con actuacións nas sete grandes cidades galegas e  chegará á cidade para pechar o seu percorrido.

Ana Ortiz, que estivo acompañada na presentación polos directores e promotores Pedro Bugarín e Daniel Polo, avanzou que o espectáculo recalará o 19 e 20 de outubro no Teatro García Barbón. A Xunta apoia esta iniciativa co obxectivo de converter a Galicia en referente e epicentro da maxia a nivel mundial e, ao mesmo tempo, levar e encher de ilusión toda a comunidade.

O Festival Mundial do Ilusionismo “Galicia Ilusiona” inclúe as sete grandes urbes galegas para converter a Galicia na capital mundial do ilusionismo. Así, o espectáculo xa pasou  nos primeiros días de outuburo por A Coruña, Ourense e Pontevedra. A vindeira fin de semana estará en Santiago de Compostela (días 11 e 12) e Ferrol (13 de outubro). Antes de pechar en Vigo estará tamén en Lugo (18 de outubro). 

Artistas da gala internacional

Mago Murphy: Será o encargado de presentar a gala e dar paso aos diferentes artistas. Un mestre da comunicación que mestura maxia e humor coma ninguén. Participou en diferentes programas de televisión como mago e tamén como humorista.

Lore Lavand: Ilusionista arxentina especialista en mesturar poesía e maxia. O seu número transporta a outra dimensión onde as lembranzas e os recordos serán os protagonistas.

Jerome Murat: Considerado o mellor mimo do mundo, chega a Galicia Ilusiona para presentar o seu acto máis aclamado: A estatua vivinte de dúas cabezas. Un número que percorreu máis de 70 países e que estivo presente nos teatros máis prestixiosos do planeta.

Ki Moon Do: Este ilusionista coreano, de Seoul, métese na pel dun director de orquestra. Un número que logrou multitude de premios a nivel internacional.

Manolo Costa e Mindanguillo: Unha parella de magos especialistas en maxia cómica. Veñen de gañar o primeiro premio europeo nesta disciplina. Un espectáculo cun ritmo frenético onde a risa e maxia máis visual son as protagonistas.

Ramó and Alegría: Esta parella de ilusionistas rompen os moldes clásicos dun acto de maxia. Un número onde parece saír todo mal pero que remata da mellor maneira posible. Teñen infinidade de premios e xiran coa súa maxia polos festivais máis prestixiosos de maxia e circo.

Néstor Hato: Ilusionista francés, considerado o mestre da manipulación, a rama máis complexa da maxia, na cal a habilidade e destreza das mans do artista, son as protagonistas. Infinidade de naipes aparecen e desaparecen a un ritmo vertixinoso entre os seus dedos.

 

Comparte