Nova: A Xunta apoia o festival de cine Intersección nunha sétima edición que aposta polo risco e a innovación

08/10/2024

A Xunta apoia o festival de cine Intersección nunha sétima edición que aposta polo risco e a innovación

Máis de 40 películas independentes exhibiranse nas tres categorías a concurso, das que 19 competirán no apartado Galicia

A mostra conta con subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a través das convocatorias para festivais profesionais do sector e para laboratorios e incubadoras audiovisuais, no marco da que recibe axuda para o Intersección Lab

A Coruña, 8 de outubro de 2024

A organización do festival Intersección da Coruña fixo pública hoxe a relación dos 42 títulos seleccionados nas tres seccións a concurso da súa sétima edición, que, do 22 ao 26 de outubro, ofrecerá unha ampla programación de películas independentes caracterizadas polo risco e a innovación.

Un ano máis, a Xunta de Galicia contribúe á celebración deste certame a través da súa liña de subvencións a festivais profesionais do sector, que na convocatoria de 2024 adxudicou 300.000 euros, un 33% máis que en 2023, a 10 mostras audiovisuais. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, fixo referencia a este investimento durante a súa participación na presentación, na que subliñou así mesmo a singularidade e o labor pioneiro de Intersección.

Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou que, xunto con outros destacados festivais galegos que contan tamén co apoio económico do Goberno galego, a cita coruñesa forma parte dun espazo de modernidade e de innovación “para conectar o público e os profesionais galegos co último da creación internacional e, ao tempo, abrir novos camiños para a expresión artística desde un audiovisual noso”.

Sutil fixo especial fincapé no papel do certame á hora de poñer en valor e lle dar difusión ao “magnífico momento que estamos a vivir no audiovisual galego”, como proba a escolma dos 19 títulos a competición na Sección Galicia, dentro da que figuran nomes como Lois Patiño, Xacio Baño, Inés Pintor, Hugo Amoedo ou Sabela Eiriz.

Cinco estreas mundiais

No apartado internacional, o festival seleccionou 21 películas procedentes de 11 países, das que cinco serán estrea mundial e oito veranse por vez primeira en España, mentres que a Sección Escolas se compón de cinco títulos de cineastas emerxentes baixo o comisariado do colectivo Memoria Cinema.

O director de Industrias Culturais detívose tamén noutras propostas dedicadas ao cinema galego neste Intersección 2024. É o caso de Nexus, iniciativa para o impulso da industria audiovisual que conxuga espazos formativos, un foro de coprodución, encontros profesionais, paneis ou presentacións, entre outras actividades. Neste marco, celébrase o Intersección Lab, tamén subvencionado pola Xunta de Galicia a través da convocatoria específica para laboratorios, incubadoras e residencias de proxectos audiovisuais.

Pases na Filmoteca de Galicia

Ademais, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude préstalle servizo ao festival mediante a cesión da Sala José Sellier da Filmoteca de Galicia, que funcionará como unha das sedes de Intersección para acoller 10 pases cunha trintena de títulos.

A programación desta sétima edición complétase cunha retrospectiva dedicada ao colectivo austríaco Total Refusal e coa nova sección Clásicos Modernos que, en diálogo co anterior apartado, amosará filmes de Clint Eastwood e Michael Mann. Ofreceránse, ademais, dous talleres creativos a cargo de Alfonso Zarauza e do devandito Colectivo Memoria.

Comparte