Nova: O Festival Internacional de Teatro de Ourense volve situarse entre as mostras subvencionadas pola Xunta para unha 17ª edición con 16 compañías en cartel

09/10/2024

O Festival Internacional de Teatro de Ourense volve situarse entre as mostras subvencionadas pola Xunta para unha 17ª edición con 16 compañías en cartel

A cita conta cunha das axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para mostras profesionais de artes escénicas, que en 2024 distribuíu 280.000 euros entre 12 eventos

Propostas chegadas desde Arxentina, Portugal, Cataluña e Madrid conviven con espectáculos galegos, cinco dos cales teñen aquí a súa estrea absoluta

Ourense, 9 de outubro de 2024

O Teatro Principal de Ourense acolleu hoxe o anuncio da programación da 17ª edición do FITO, o Festival Internacional de Teatro de Ourense, con 16 compañías en cartel que actuarán neste e noutros espazos da cidade das Burgas e de Celanova do 16 ao 27 de outubro. O certame ourensán volve formar parte da listaxe de mostras profesionais de artes escénicas subvencionadas pola Xunta de Galicia mediante a correspondente convocatoria anual de axudas, que este 2024 incrementou a súa dotación en máis dun 30% para distribuír 280.000 euros entre 12 citas das catro provincias.

Como explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, esta ducia de eventos configura un mapa de festivais descentralizado e diverso en canto a formatos e xéneros escénicos, ao tempo que estratéxico tanto desde o punto de vista cultural como económico ou turístico.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude felicitou a directora do festival, Fina Calleja, polo traballo desenvolvido ao longo destes anos para que o público ourensán teña a posibilidade de gozar cada ano de destacadas propostas internacionais, así como dunha escolma da máis recente produción escénica galega.

Sedes en Ourense e Celanova

Ademais de Jacobo Sutil e de Fina Calleja, interviron tamén nesta presentación César Gil, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense; Antonio Puga, alcalde de Celanova; Olga Mojón, directora do Teatro Principal, e os representantes das outras dúas sedes do FITO: Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, que cede a Sala Emilia Pardo Bazán, e José Lois Troitiña, xerente do Liceo Recreo Ourensán.

O Festival Internacional de Teatro de Ourense ofrece catro propostas chegadas desde Arxentina, Portugal, Cataluña e Madrid xunto coas de 13 compañías galegas. Neste último caso, a mostra acollerá as estreas absolutas da peza de danza Sobre o extravío ou a arte de perderse, de Furia Sotelo, o xoves 17; MCV (María Consolación Visitación Amadora), de Loia Producións, o mércores 23; Un tal Romeo, de A Ramboia, o xoves 24, e Inventarios de A Run Run, a partir do día 18 en diferentes rúas da cidade, así como as pezas que presentarán o martes 22 as catro compañías seleccionadas para a iniciativa 67 Graos Ourense Fervescénica de bolsas de creación.

Completan a participación galega nesta 17ª edición Culturactiva con Vía morta o mércores 16, Mercedes Peón coa peza híbrida Osmose o venres 18, A Feroz con Boulevar Papagaio o domingo 20 e Producións Teatrais Excéntricas con O auto do Castromil, coprodución co Centro Dramático Galego que pechará o FITO o domingo 27.

Espectáculos internacionais

A representación internacional corre a cargo de Teatro Só, compañía luso-alemá que exhibirá a montaxe Sorriso o sábado 19, e a arxentina El Rayo Misterioso con Buenos días señorita Leila o sábado 26, mentres que Solitaria chegará desde Cataluña o domingo 20 con Mal de corazón, en coprodución do Teatre Nacional de Catalunya, e desde Madrid, La Rueda Teatro Social con Quiero colapsar a tu lado o venres 25.

A cidade de Ourense acollerá a meirande parte destas representacións, agás unha das funcións de Teatro Só e a de A Feroz, programadas na praza Maior e no Auditorio Municipal Ilduara de Celanova, respectivamente.

Comparte