Nova: A Xunta lanza no Museo Gaiás unha audioguía con lingua de signos para dispositivos móbiles
13/10/2024
A Xunta lanza no Museo Gaiás unha audioguía con lingua de signos para dispositivos móbiles
A aplicación está concibida para facilitar a visita á mostra ‘Unha vida viquinga’, empregando audio e texto en tres idiomas e tamén a modalidade de lingua de signos
Esta ‘app’ aproveita a funcionalidade de xeolocalización dos dispositivos móbiles determinando en que punto está a persoa visitante dentro da sala para amosar información sobre as pezas arqueolóxicas ou puntos de interese máis próximos
Xa está dispoñible para descarga tanto para sistemas Android como iOs
Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2024
A Xunta de Galicia lanza unha audioguía para dispositivos móbiles destinada a facer máis accesible a visita ás exposicións do Museo Gaiás, tamén para as persoas con dificultade auditiva, ao incorporar explicacións en lingua de signos. Esta app está dispoñible polo momento para a mostra Unha vida viquinga e inclúe tamén audio e texto en tres idiomas.
A aplicación aproveita a funcionalidade de xeolocalización dos dispositivos móbiles determinando en que punto da sala está a persoa visitante. En función disto, amosa información sobre algunhas das pezas arqueolóxicas que se exhiben, ou dos puntos de interese máis próximos, para poder gozar dunha visita máis completa a esta mostra que suma xa no Gaiás preto de 35.000 visitas desde a súa apertura en xullo.
Xa está dispoñible a través do repositorio web de aplicacións móbiles da Xunta de Galicia, e das principais plataformas de descarga de aplicacións, Google Play para dispositivos Android, e App Store para dispositivos iOs.
Unha cultura máis inclusiva e accesible
O desenvolvemento desta aplicación encádrase dentro das medidas promovidas pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para traballar por unha cultura máis inclusiva e accesible en Galicia. Nesta liña, na Cidade da Cultura estanse a promover iniciativas como o emprego de mochilas con vibración que permiten mellorar a experiencia musical de persoas xordas ou con perda auditiva, que se utilizaron xa de xeito piloto no concerto central do Día da Música no Gaiás, ou a realización, en datas puntuais, de visitas guiadas ás exposicións na modalidade de lingua de signos.
Tamén o proxecto do Galiverso dos Museos incorpora, para aquelas persoas con dificultades de visión e auditivas, tecnoloxías e dispositivos que lles permiten acceder á experiencia dunha maneira adaptada. Neste sentido, a sala inclúe unha zona táctil na que poder ver coas mans réplicas impresas en 3D de catro dos obxectos pertencentes aos museos e que foron recreadas tamén na experiencia virtual. Unha aplicación deseñada pola Universidade de Vigo explica ás usuarias e usuarios o funcionamento deste espazo, no que tamén existen auriculares de vía ósea e de bucle magnético para que as persoas con dificultade auditiva poidan escoitar as instrucións.
Programa de visitas a ‘Unha vida viquinga’
Inaugurada o 12 de xullo e comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos, Irene García Losquiño, Unha vida viquinga é unha das maiores mostras realizadas en España sobre esta cultura, unha proposta desenvolvida en colaboración con Museos Nacionais de Historia e Arqueoloxía de Suecia, Dinamarca, Francia e España.
O relato da mostra artéllase ao redor dos períodos vitais dunha persoa durante a Era Viquinga e inclúe pezas históricas e arqueolóxicas únicas, moitas delas nunca antes exhibidas en España.
Ata a súa clausura o vindeiro 5 de xaneiro de 2025, o Museo Centro Gaiás está a desenvolver tamén un amplo programa de visitas guiadas á mostra, tanto na modalidade de visita regular (dispoñible de martes a domingo en varias quendas horarias), como na de visitas didácticas, destinadas principalmente á comunidade educativa, pero tamén a diferentes colectivos que se achegan a coñecer a exposición. Na web da cidadedacultura.gal pode reservarse praza, de balde, neste programa de visitas.