Nova: A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga

15/10/2024

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga

O director xeral de Cultura e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra escoitaron de primeira man propostas de colectivos, entidades e agrupacións de música de base

O obxectivo é facer partícipe á cidadanía da folla de ruta para converter este espazo nun referente cultural non só para a cidade, senón para Galicia e o norte de España

Segue aberta ata finais deste mes de outubro a caixa de correo virtual, que xa ten recibido máis de 200 proxectos de entidades e veciñanza da cidade e da contorna

Estas iniciativas forman parte da campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’ que se activou a finais de agosto cunha boa acollida e alto interese en involucrarse

Vigo, 15 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra reuniron a tarde de hoxe na sede da delegación territorial do Goberno galego en Vigo a representantes de colectivos, entidades e agrupacións de música de base, dentro da liña de traballo aberta para a recollida de propostas e suxestións que permitan enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Bouza, escoitaron de primeira man as ideas e iniciativas destes colectivos para este edificio emblemático da cidade olívica, que se suman ás que se recibiron a mediados de setembro no primeiro encontro aberto á cidadanía. Daquela,  participaron un cento de persoas e entidades que aportaron valiosas achegas para enriquecer o deseño do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.

“Estamos a facer unha escoita activa e próxima”, valorou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con respecto ao papel que están a desenvolver ambas as dúas administracións. Neste senso, quixo agradecer o “alto interese, xenerosidade e compromiso” de particulares e colectivos do sector cultural de Vigo e da contorna por “participar en darlle unha nova vida a este valioso espazo, tanto para a cidade como para toda a comunidade”.

Caixa de correo virtual aberta ata finais de outubro

Precisamente, Anxo M. Lorenzo atribuíu o interese que ten espertado a “recuperación e incorporación a unha activa vida cultural” do Teatro Cine Fraga á decisión de ter ampliado un mes máis a caixa de correo virtual, posta en marcha a finais de agosto, que tamén ten como obxecto recoller en liña propostas, suxestións e ideas de cara ao deseño do futuro Plan de usos.

Ao respecto, o director xeral de Cultura salientou “a boa acollida” desta iniciativa, que forma parta da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, xa que destacou que se teñen recibido máis de 200 propostas. En todo caso, animou a particulares e entidades a seguir participando tamén por esta vía virtual co envío de propostas e proxectos a propostas@teatrofraga.gal.

Anxo M. Lorenzo celebrou “o éxito da iniciativa” desde o primeiro momento en que se puxo en marcha e comezaron a chegar propostas, “sobre todo provenientes da cidade e da área metropolitana”, precisou. En todo caso, explicou que á xuntanza aberta de hoxe á cidadanía da campaña O mellor espazo busca o mellor contido seguiranlle outros encontros co mesmo fin: o de enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga.

Programación ambiciosa, incluídas iniciativas de carácter internacional

No encontro con particulares e representantes de colectivos culturais, o director xeral de Cultura manifestoulles que o Goberno galego é coñecedor da “relevancia incuestionable” que supón para a cidade de Vigo e tamén para o  tecido cultural de Galicia reabrir o Teatro Fraga. “A súa recuperación supón dispor dun inmoble con salientables características en canto a tamaño e diversidade de espazos interiores”, enxalzou ao respecto.

Por estes motivos, amosouse convencido de que tanto Vigo como Galicia “gañarán coa materialización deste proxecto un vector cultural moi significativo”, xa que puxo en valor que será apto para desenvolver programacións “ambiciosas e relevantes, incluídas iniciativas de carácter internacional”.

Nesta liña, avanzou nesta reunión que se prevé “aproveitar ao máximo” as instalacións xa levantadas para levar a cabo unha “variada programación” que incluirá eventos e espectáculos que esixen unhas dimensións como as que ofrece o inmoble, proxectos baseados na exhibición, a creación e a participación ou a instalación de propostas culturais e creativas de relevancia.

Compromiso do Goberno galego con Vigo

O antigo Teatro Cine Fraga foi ideado hai máis de 80 anos por encargo de Isaac Fraga Penedo, un dos exhibidores cinematográficos máis importantes de Galicia naquela época.

A súa recuperación é un exemplo do compromiso do Goberno galego coa cidade de Vigo e tamén co apoio e pulo ao seu tecido cultural como xa se fixo coa execución do Hospital Álvaro Cunqueiro, a reforma do Hospital Xeral de Vigo para acoller a Cidade da Xustiza ou como coas obras de rehabilitación do edificio dos antigos xulgados da rúa Lalín que porá á disposición da cidadanía un edificio multiúsos para darlle espazo a entidades socioculturais, ademais do Centro Integral de Saúde Olimpia Valencia.

Comparte