Nova: O Centro Dramático Galego e o Concello de Santiago colaboran para a estrea estatal de ‘As bruxas de Salem’ no Auditorio de Galicia
17/10/2024
O Centro Dramático Galego e o Concello de Santiago colaboran para a estrea estatal de ‘As bruxas de Salem’ no Auditorio de Galicia
O espectáculo producido polo Teatro Nacional São João de Porto e dirixida por Nuno Cardoso representarase este sábado 19 de outubro na capital de Galicia despois do seu percorrido por Portugal
Trátase dunha revisión do clásico de Arthur Miller, que relaciona os xuízos por bruxería nunha pequena comunidade norteamericana con temas actuais como a sexualidade ilícita, o medo ao sobrenatural e a manipulación política
A colaboración enmárcase nas liñas de traballo abertas coa escena lusa a través das súas estruturas públicas de teatro e forma parte da ‘Temporada cruzada -Programação Cultural Portugal-Espanha-50 anos de democracia’
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2024
Este sábado 19 e outubro, ás 19,00 h., o Auditorio de Galicia acollerá a estrea estatal da produción do Teatro Nacional São João de Porto As bruxas de Salem, dirixida por Nuno Cardoso a partir do texto orixinal de Arthur Miller. O Centro Dramático Galego en colaboración co Concello de Santiago de Compostela posibilita esta representación no marco das liñas de traballo abertas entre a unidade de produción teatral da Xunta coa escena lusa e da carteleira Quintas do Camoẽs.
Así o sinalou o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, quen participou hoxe canda a Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia, e Nuno Cardoso, actual director artístico do São João, na rolda de prensa sobre o espectáculo, unha proposta que forma parte á súa vez da Temporada cruzada-Programação Cultural Portugal-Espanha-50 anos de democracia, promovida polos gobernos de España e Portugal e outros organismos.
Núñez lembrou que nos últimos anos o Centro Dramático Galego ten colaborado con estruturas públicas portuguesas como o Teatro Nacional Dona Maria II e o propio Teatro Nacional São João, para levar a escena coproducións como Manuela Rey Is In Da House, estreada en Galicia o pasado mes de marzo, e de Frágua de amor, do dramaturgo portugués Gil Vicente, que se está montar con seis entidades culturais lusas e que verá a luz en novembro. Dentro desta cooperación enmárcanse tamén os traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto europeo Nós/Nous, que impulsa a promoción profesional e a internacionalización do alumnado de arte dramática ao final da súa carreira académica, e que posibilitou as montaxes de espectáculos como Na hora dos cans ou Ifixenia.
Un clásico de plena actualidade
Con esta revisión do texto do dramaturgo e guionista estadounidense Arthur Miller, Nuno Cardoso continúa a súa investigación sobre os fundamentos da vida comunitaria, realizando un novo ensaio sobre a cegueira do home social. Miller escribira a súa peza de teatro en 1952 a partir dos feitos que rodearon os xuízos de bruxas na pequena comunidade americana do pobo de Salem, Massachusetts, en 1692, como unha alegoría da febre persecutoria e represión anticomunista durante a época macarthista da década dos 50 que tamén acabou afectando ao propio autor da obra, acusado polo cineasta Elia Kazan. Dende o epicentro da trama –presentada como unha fascinación primaria pola paranoia, que sacrifica individuos na súa furia colectiva– Cardoso consegue descubrir na obra un caldo letal de sexualidade ilícita, medo ao sobrenatural e manipulación política, que resoan con plena vixencia no momento actual.
Pedro Nunes figura como axudante de dirección desta peza que ten no seu elenco a Ana Brandão, Carolina Amaral, Joana Carvalho, Jorge Mota, Lisa Reis, Mário Santos, Nuno Nunes, Paulo Freixinho, Patrícia Queirós, Pedro Frias e Sérgio Sá Cunha. A tradución é de Fernando Villas-Boas, a escenografía corre a cargo de F. Ribeiro; o deseño de luz asínao Nuno Meira; a música e o deseño de son, João Oliveira; Roldy Harris é o responsable do movemento e o equipo do Teatro Nacional São João, da elaboración do vestiario.
Ademais do da unidade teatral da Xunta de Galicia, a produción conta cos apoios do Gobierno de España, a través do Ministerio de Memoria Democrática, Acción Cultural Española, AECID e o Instituto Cervantes; do Governo da República Portuguesa a través dos departamentos de Negócios Estranxeiros e Cultura, do Gabiente de Estratégia, Planeamento e Avaliação Culturais GEPAC, a Embaixada de Portugal en Madrid, Cultura Portugal, Instituto Camões, Unión de Teatros de Europa, e Portugal-Espanha 50 anos Cultura e Democracia.
As bruxas de Salem é un espectáculo de gran formato e de 155 minutos de duración, que se representa en portugués con sobretítulos. Tralo seu paso por Santiago de Compostela, viaxará dentro deste ano ao Yugoslav Drama Theatre, en Belgrado (Serbia) e ao Teatro Municipal São Luiz de Lisboa.
As localidades para asistir á función do sábado no Auditorio de Galicia están á venda a través das canles habituais de Compostela Cultura.