Nova: A Xunta inclúe preto de 2,5 M€ nos orzamentos de 2025 para actuar no convento de Santa Clara, na basílica de Santa María e no santuario da Peregrina

18/10/2024

A Xunta inclúe preto de 2,5 M€ nos orzamentos de 2025 para actuar no convento de Santa Clara, na basílica de Santa María e no santuario da Peregrina

López Campos pon en valor os “importantes recursos” que o Goberno galego destinará a bens culturais sobranceiros de Pontevedra

Garante que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude reforzará o coidado e preservación “nas mellores condicións” da gran riqueza patrimonial de Galicia

Salienta os máis de 55 M€ que se teñen destinado a políticas de salvagarda de bens patrimoniais en Galicia no último lustro por parte da área de Cultura da Xunta

Pontevedra, 18 de outubro de 2024

A Xunta de GalicIa incluirá preto de 2,5 M€ nos orzamentos de 2025 para actuar en tres significativos bens patrimoniais da cidade de Pontevedra, como son o convento de Santa Clara, o santuario da Virxe da Peregrina e a basílica de Santa María a Maior. Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, quen enmarcou estas actuacións na estratexia do Goberno galego para reforzar o coidado e preservación “nas mellores condicións da gran riqueza patrimonial desta cidade e de toda Galicia”.

Fíxoo nunha visita esta mañá á basílica de Santa María a Maior, onde se están a realizar obras para reparar as patoloxías rexistradas polo paso do tempo na cuberta da ábsida e nas fachadas, e que contan cun investimento por parte do Goberno galego de preto de 560.000€. Segundo concretou, prevese que estas actuacións neste Ben de Interese Cultural se dean por finalizadas no primeiro trimestre de 2025.

O conselleiro avanzou que nos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2025 reflíctese, ademais, o “total compromiso” do Goberno galego coa restauración do convento de Santa Clara, “seguindo a folla da ruta” marcada polo convenio asinado a principios de 2024 entre a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. En concreto, precisou que para o vindeiro ano o seu departamento destinará 1,5 M€ para rehabilitar este inmoble e a súa contorna.

O calendario previsto para estas actuacións no convento de Santa Clara é que se inicien as obras a finais deste ano, xa que obxectivo é que se inaugure no 2027 , coincidindo coa celebración dos cen anos do Museo provincial de Pontevedra.

López Campos salientou o “relevante investimento” no convento de Santa Clara, ao que erixiu como “a gran xoia do patrimonio cultural e arquitectónico”  da cidade de Pontevedra. Polo tanto, considerou que esta partida de máis de 1,5 M€ só para o ano 2025 supón “un gran paso” para facer realidade o “proxecto máis ambicioso” que ten a medio prazo “a cidade e a provincia de Pontevedra”. Ademais, amosouse convencido de que esta inmoble “está chamado a converterse nunha referencia da cultura galega”.

Por outro lado, o conselleiro tamén puxo en valor o investimento do seu departamento en obras de conservación do santuario da Virxe da Peregrina, un inmoble patrimonial que está protexido como Ben de Interese Cultural. En concreto, apuntou que se destinarán un total de 300.000€ a intervencións para resolver danos por humidades que afectan principalmente ás fachadas.

Máis de 55 M€ en políticas de salvagardas destes recursos

O representante da Administración autonómica defendeu esta “importante partida” na conservación e restauración por parte do Goberno galego dos “valiosos bens culturais” que ten a cidade de Pontevedra, “que son unha mostra do coidado que recibe e recibirá por parte da Administración autonómica todo o patrimonio de Galicia”.

Precisamente, salientou o esforzo que nos últimos ano leva facendo a Xunta en todo o territorio galego, con respecto a actuacións de recuperación e preservación para “protexer, poñer en valor e divulgar o noso legado artístico e cultural como un símbolo de orgullo, identidade e riqueza para o país”.

Consecuentemente, enxalzou que o Goberno galego mantén unha “política decidida” a favor da salvagarda “dun dos recursos con maior valor histórico, cultural, e turístico de Galicia” a través plans estratéxicos como o Plan Catedrais, o Plan de actuacións arqueolóxicas, o Plan de BIC do Camiño de Santiago ou o Plan Ribeira Sacra, así como diversos plans directores para bens concretos.  Así considerou que o demostran os máis de 55 M€ dedicados a este fin no último lustro pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

Comparte