Nova: López Campos recoñece o traballo a prol da cultura dos Premios da Crítica de Galicia na súa XLVII edición

19/10/2024

López Campos recoñece o traballo a prol da cultura dos Premios da Crítica de Galicia na súa XLVII edición

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude participa no acto de entrega duns galardóns que recoñecen a excelencia na creación cultural desde 1978

Vigo, 19 de outubro de 2024

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, participou esta mañá na gala de entrega dos XLVII Premios da Crítica de Galicia, que desde 1978, e de maneira ininterrompida, recoñecen a excelencia a nivel individual e colectivo en diversos ámbitos da creación cultural e da investigación na Comunidade. Un certame, apuntou o representante da Xunta, que “merece un total recoñecemento por ser quen de seguir distinguindo ao longo dos anos aos profesionais do mundo da cultura, sendo dos premios máis lonxevos neste eido”.

Ademais, o titular de Cultura felicitou ao pintor Antón Pulido, que recibiu unha homenaxe especial no seu 80 aniversario, e tamén trasladou os seus parabéns á organización por ir “actualizándose cos tempos” e incluír novas modalidades como son a Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, a Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades e a de Cultura dixital.

Durante o acto foron premiados, na modalidade de Creación Literaria, Chus Pato; na de Investigación en Ciencia e Tecnoloxía, Clara Ruíz Ponte, e na de Investigación en Ciencias Sociais e Humanidades o proxecto Nomes e voces da Universidade de Santiago de Compostela. O galardón en Iniciativas Culturais e Científicas, pola súa banda, recaeu no programa Efervescencia de divulgación da ciencia en galego e no resto das categorías resultaron gañadores a Orquestra Vigo 430, na de Música; Almudena Fernández Fariña, na de Artes Plásticas; o grupo de teatro Tanxarina, na de Artes Escénicas; Jaione Camborda, na de Artes Audiovisuais; a Feira do queixo e do pan de Ousá de Friol, en Cultura gastronómica, e, finalmente o podcast Café Derby 21, en Cultura dixital.

Comparte