Nova: A Xunta apoia a participación de nove creadores galegos no Festival Internacional ‘Eñe’ en Madrid
23/10/2024
A Xunta apoia a participación de nove creadores galegos no Festival Internacional ‘Eñe’ en Madrid
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, avanza esta asistencia na presentación do programa, que contará con 100 autores de Europa e Latinoamérica
Galicia estará presente con Manuel Rivas, Paula Carballeira, Diego Ameixeiras, Ismael Ramos, Berta Dávila, Alba Cid, Jaione Camborda, Samuel Diz e José Carnero
Máis de 30 sedes culturais de Madrid e Málaga acollerán encontros, conversas, recitais e cafés literarios entre o 9 de novembro e 1 de decembro
Madrid, 23 de outubro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na capital madrileña na presentación do programa da décimosexta edición do Festival Eñe, certame internacional que reunirá en Madrid e Málaga, do 9 de novembro ao 1 de decembro, a 100 escritores, cineastas e músicos de Europa e Latinoamérica, entre os que se atopan nove creadores galegos, grazas ao apoio da Xunta de Galicia.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou a “alta presenza” de creadores galegos nesta edición na actividade Ventá á literatura galega, programa de varios encontros a tres bandas, comisariado polo xornalista e escritor Xesús Fraga, que se celebrará o 15 novembro no Círculo de Bellas Artes de Madrid.
Anxo M. Lorenzo considerou “xusta e merecida” esta “ampla participación” desde Galicia que atribuíu o “bo momento” que atravesa o sector cultural galego e á “calidade excelsa dos nosos creadores, tal e como reflicten os numerosos recoñecementos”. Precisamente, destacou que entre os nove asistentes están varios premios nacionais, como Manuel Rivas, Diego Ameixeiras e Berta Dávila, que contan con esta distinción na categoría de Crítica; Ismael Ramos e Alba Cid, ambos os dous Premios Nacionais de Poesía Xove; e Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática.
Súmanselle a esta delegación, a cineasta Jaione Camborda, quen dirixiu O Corno, que se converteu na primeira película en galego en gañar unha Concha de Ouro no Festival de Donosti en 2023. Ademais, tamén participarán o músico e investigador Samuel Diz, que conta co Premio da Crítica El Primer Palau, e José Ignacio Carnero, cronista de viaxes e novelista, que coa súa novela Ama, sobre a vida da súa nai, emigrada galega en Euskadi, foi finalista do Premio Euskadi de Literatura.
Ademais de Ventá á literatura galega, o Festival Eñe ofrecerá un amplo abano de actividades que van desde encontros, conversas, recitais e cafés literarios en máis de 30 sedes culturais.