Nova: Ana Ortiz destaca o festival Wake UP! que acollerá o Ifevi como o evento de música electrónica “máis importante de Galicia”
28/10/2024
Ana Ortiz destaca o festival Wake UP! que acollerá o Ifevi como o evento de música electrónica “máis importante de Galicia”
A delegada territorial da Xunta en Vigo presentou o evento que se celebrará o vindeiro xoves, 31 de outubro, no Pavillón 3 do Instituto Feiral de Vigo
Actuarán o británico Ben Sinms, a ucraína Daria Kolosova, o alemán Klangkuenstler, a salmantina Fátima Hajj e o galego Isma B
Vigo, 28 de outubro de 2024
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns o Wake UP! Festival Special Halloween que se celebrará o vindeiro xoves, 31 de outubro, no Pavillón 3 do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi). Na súa comparecencia, acompañada por Luis Diz, CEO do Grupo Pelicano, e José Patiño, director de Wake Up! Electronic Parties, a representante autonómica destacou que se trata do “evento de música electrónica nun recinto pechado máis importante de Galicia”.
“O recinto elixido para albergar aos miles de asistentes que se esperan é o Ifevi, un espazo espectacular que ofrece as condicións ideais para gozar dunha xornada excepcional dedicada á música”, sinalou Ortiz.
Segundo explicaron os organizadores, o festival será “un escaparate do techno contemporáneo e das tendencias máis vanguardistas de Europa”. A velada, que comezará ás 20:00 horas, traerá a Vigo ao alemán Klangkuenstler, o británico Ben Sims, a salmantina Fátima Hajji, a ucraína Daría Kolosova e o galego Isma B.
Luis Diz, responsable da Sala Pelícano, indicou que a venta de entradas para o festival marcha a moi bo ritmo. “A día de hoxe xa temos case que 7.000 tickets vendidos e agardamos que de aquí ao xoves continúe a expectación”, sinalou.
“A mensaxe que desexamos transmitir para a velada do 31 de outubro é inequívoco e fundamental. Trátase de vivir unha experiencia verdadeiramente inmersiva, porque non é só un evento musical; é unha celebración da vida, da comunidade e da conexión a través da música electrónica”, sinalou José Patiño.