Nova: A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o plan de usos do Teatro Cine Fraga

31/10/2024

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra continúan en Vigo as reunións co sector cultural para enriquecer o plan de usos do Teatro Cine Fraga

Representantes do Goberno galego e da institución provincial escoitan de primeira man ideas do sector das artes plásticas, escultóricas e fotográficas de Vigo e contorna

O director xeral de Cultura salienta a “recollida ampla e o máis transversal posible” de propostas para facer deste espazo un referente cultural para Galicia e norte de España

Este mes de outubro pecharase a caixa de correos virtual, que xa ten recibido máis de 200 proxectos de entidades e veciñanza da cidade e da contorna

Estas iniciativas forman parte da campaña ‘O mellor espazo busca o mellor contido’ que se activou a finais de agosto cunha boa acollida e alto interese en involucrarse

Vigo, 31 de outubro de 2024

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra reuniron a tarde de hoxe en Vigo a representantes de eido das artes plásticas e da fotografía, dentro da liña de traballo aberta para a recollida de propostas e suxestións que permitan enriquecer o Plan de usos do Teatro Cine Fraga de Vigo.

Na sede de Vigo da Deputación de Pontevedra, o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e a vicepresidenta da institución provincial, Luisa Sánchez, escoitaron de primeira man as ideas e iniciativas para este edificio emblemático da cidade olívica de institucións, fundacións, galerías e artistas plásticos, escultóricos ou da fotografía como Ruth Lodeiro, Eva Díez, Carlos Bermúdez, Carlos Rosón, Pedro Dobao ou Antonio Chaves, entre outros membros e colectivos destes ámbitos creativos.

Reunións abertas á cidadanía desde setembro

As súas achegas súmanse ás que se recibiron nas reunión das semanas pasadas con colectivos e entidades do sector musical, tanto de base como profesionalizados. Cómpre lembrar que a primeira xuntanza aberta á cidadanía realizouse a principios de setembro, na que participaron tamén un cento de persoas e entidades que aportaron valiosas achegas para enriquecer o deseño do chamado a ser un centro cultural pioneiro e referente na Comunidade galega e no noroeste peninsular.

“Procuramos levar a cabo unha recollida ampla e o máis transversal posible con todos os sectores da escena cultural de Vigo e comarca”, explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, con respecto ao papel que están a desenvolver ambas as dúas administracións. Neste senso, incidiu no agradecemento polo “alto interese, xenerosidade e compromiso” que durante todo este tempo se está a “recibir e percibir” proveniente de parte de particulares e colectivos do sector cultural de Vigo e da contorna. “Emociona a alta implicación en darlle unha nova vida a este valioso espazo, tanto para a cidade como para toda a comunidade”, valorou.

Caixa de correo virtual aberta ata finais de outubro

Precisamente, Anxo M. Lorenzo atribuíu o interese que ten espertado a “recuperación e incorporación a unha activa vida cultural” do Teatro Cine Fraga á decisión de ter ampliado un mes máis a caixa de correo virtual, posta en marcha a finais de agosto, que tamén ten como obxecto recoller en liña propostas, suxestións e ideas de cara ao deseño do futuro Plan de usos e que se pechará ao rematar este mes de outubro.

Ao respecto, o director xeral de Cultura salientou “a boa acollida” desta iniciativa, que forma parta da campaña O mellor espazo busca o mellor contido, xa que destacou que se teñen recibido máis de 200 propostas. En todo caso, animou a particulares e entidades a espremer no día de hoxe esta vía virtual co envío de propostas e proxectos a propostas@teatrofraga.gal antes de proceder ao seu peche.

Comparte