Nova: A Xunta colabora co festival ‘Música con V de Vigo’ na promoción do jazz e da clásica en Galicia

05/11/2024

A Xunta colabora co festival ‘Música con V de Vigo’ na promoción do jazz e da clásica en Galicia

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asiste ao primeiro concerto do ciclo que contará con actuacións os días 6, 12 e 13 de novembro no Teatro Afundación

Vigo, 5 de novembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu hoxe á primeira actuación do festival de Música con V de Vigo co que colabora o Goberno galego nesta segunda edición. Trátase dun ciclo de concertos de jazz e música clásica que se estenderá os días 6, 12 e 13 de novembro no Teatro Afundación, e que se suma á ampla oferta cultural para todos os públicos dentro da nosa Comunidade.

O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou o traballo dos organizadores por achegar unha ampla programación, poñendo en valor a súa proxección tanto dentro como fóra de Galicia. Neste primeiro concerto, o director xeral de Cultura asistiu á actuación do grupo Corrente do Golfo, que fusiona a cultura galega, española e cubana a través do produtor Alberto Conde e a cantante cubana Diana Darín.

Música con V de Vigo, organizado por Vitruvia, é un certame no que destaca a calidade da música e dos seus intérpretes. O mércores 6 de novembro será a quenda da música clásica co concerto de De Bach a Glass da man da nova intérprete viguesa Paula Diz, acompañada do pianista Iván Fernández, a soprano Beatriz Riobó, o tenor alemán Ralf Glasz e a pianista lituana Rasa Biveiniene. O día 12 actuará o trío liderado por Alfonso Medela e o ciclo finalizará o 13 de novembro coa proxección da película O maquinista da xeral, de Buster Keaton, con música a cargo da agrupación Caspervek.

Comparte