Nova: A Policía Autonómica recupera unha ara de orixe romano no concello de Caldas de Reis
12/11/2024
A Policía Autonómica recupera unha ara de orixe romano no concello de Caldas de Reis
Os axentes, en colaboración do servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, tiveron coñecemento deste elemento e, unha vez constatada a súa orixe acordouse o seu traslado ao Museo de Pontevedra
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2024
Axentes da Xefatura da Policía Autonómica de Santiago de Compostela, en colaboración co servizo de arqueoloxía da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, acharon unha ara de orixe romana no termo municipal de Caldas de Reis.
Tras realizar diferentes pescudas localizouse a ara e procedeuse á identificación do propietario da parcela onde se atopaba ao que se lle tomou declaración co obxectivo de determinar a orixe deste elemento.
Os axentes procederon a precintar a zona ata que se ditou a resolución. Así, posteriormente, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude acordou o traslado ao Museo de Pontevedra. Despois desta resolución, os axentes da Policía Autonómica procederon a retirar o precinto e a supervisar o traslado ao museo.