Nova: A Xunta salienta os vencellos culturais e lingüísticos entre Galicia e Portugal como ponte coa comunidade lusófona integrada por 270 millóns de persoas
15/11/2024
A Xunta salienta os vencellos culturais e lingüísticos entre Galicia e Portugal como ponte coa comunidade lusófona integrada por 270 millóns de persoas
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pon en valor o papel relevante nestas relacións do Observatorio da lusofonía Valentín Paz Andrade
Enxalza a “gran vantaxe” da proximidade lingüística dos dous territorios á hora de facilitar o consumo cultural en ambos os dous idiomas
Vigo, 15 de novembro de 2024
O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe os vencellos culturais e lingüísticos entre Galicia e Portugal como “ponte clave” nas relacións coa comunidade lusófona integrada por 270 millóns de persoas. Fíxoo durante a súa participación en Vigo na apertura da Festa do Livro em Português 2024, no centro cultural Camões – Instituto da Cooperação, á que tamén asistiu a delegada territorial da Xunta nesta cidade, Ana Ortiz.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude avogou por dar un maior impulso a estas relacións e salientou o feito de que Galicia cumpre todas as condicións para exercer un “papel relevante” entre o mundo lusófono e os países hispanos. Neste senso, apuntou o labor que vai exercer nesta liña o Observatorio de Lusofonía Valentín Paz Andrade, recentemente constituído na nosa Comunidade.
Anxo M. Lorenzo valorou que a afinidade lingüística do portugués co galego constitúe unha vantaxe competitiva, “de aí os máis de 5.000 estudantes que están en Galicia aprendendo a lingua e cultura portuguesa”. Ademais, considerou importante a proximidade lingüística dos dous territorios “á hora de facilitar o consumo cultural en ambos idiomas, como pode ser no eido do libro, audiovisual ou artes escénicas”.
Bo momento do sector cultural de Galicia
Nesta liña, destacou o “bo momento” que está vivindo o sector cultural de Galicia, tal e como destacou que vén de corroborar o último informe do Observatorio da Cultura Galega. En concreto, subliñou o feito de que estes datos recollen un incremento no gasto das familias, ata os 500 M€ no 2023, “centrado especialmente nas entradas a espectáculos, o acceso a servizos culturais e a compra de libros”, precisou.
Neste último aspecto, o director xeral de Cultura remarcou “a vitalidade” do sector editorial cunha grande evolución na produción de libros, en referencia a que, con case 3.000 rexistros en 2023, “acada a mellor cifra desde 2011 e sobe nun 44,2 % respecto a 2019”. Precisamente, apreciou nestes “salientables datos” de consumo cultural “a gran vantaxe que supón un idioma como o galego, que permite abrir todos os nosos produtos culturais a unha comunidade lusófona de millóns de persoas”, concluíu.