Nova: A Xunta contribúe á oferta cultural compostelá con 10 funcións de cinco espectáculos a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
04/12/2024
A Xunta contribúe á oferta cultural compostelá con 10 funcións de cinco espectáculos a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
O circuíto ábrese na capital de Galicia coa estrea absoluta de ‘Guerra’, de Teatro do Noroeste, montaxe creada con subvención autonómica
A nova carteleira leva ao Teatro Principal a partir de xaneiro as últimas propostas de Teatro de Ningures, Etiqueta Negra, Berrobambán e Excéntricas, todas elas con apoio do Goberno galego para a súa produción
‘As formas do amor’ e ‘Proto (SN1806)’, coproducións do Centro Dramático Galego e do Centro Coreográfico Galego, tamén forman parte do calendario de actividade
Santiago de Compostela, 4 de decembro de 2024
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, o circuíto anual de espectáculos promovido pola Xunta en colaboración con 40 entidades locais asociadas, ofrecerá durante o primeiro semestre de 2025 en Santiago de Compostela 10 funcións de cinco propostas a cargo das compañías galegas Teatro do Noroeste, Teatro de Ningures, Etiqueta Negra, Berrobambán e Producións Teatrais Excéntricas.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá na presentación desta carteleira que arrinca coa estrea absoluta de Guerra a cargo de Teatro do Noroeste o 17 de xaneiro no Teatro Principal, cunha segunda función o día 18 que inclúe un coloquio aberto co público. A peza, creada con subvención da Xunta de Galicia e dirixida por Eduardo Alonso, está protagonizada por Miguel Pernas, Luma Gómez, Manuela Varela, Maxo Barjas, Sabela Hermida e Xavier Estévez. A trama presenta un edificio teatral destruído por un bombardeo no que comezan a aparecer personaxes e referencias ás guerras no teatro europeo desde Shakespeare até Lorca.
O mes de xaneiro inclúe dúas funcións de As gardiás, produción de Teatro de Ningures dirixida por Cristina Domínguez a partir da adaptación que Vanesa Sotelo fai do texto homónimo de Nasser Djemaï e que se presentará os días 23 e 24. A historia preséntanos catro mulleres maiores organizadas, decididas a conservar a súa independencia, para reflexionar sobre as visións do ben envellecer. Xa os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro será a quenda de Go Home, de Etiqueta Negra, unha obra con dramaturxia de José Prieto e dirección de Tito Asorey con David Amor e Josito Porto nunha comedia comprometida sobre un tema de actualidade: o turismo. No mes de febreiro, os días 6 e 7, o Principal acolle os pases de Mulleres que viven soas, de Berrobambán, coprodución co FIOT de Carballo e con dramaturxia de Paula Carballeira, quen tamén sobe ao escenario acompañada das narradoras Vero Rilo e María da Pontragha para representar este espectáculo híbrido entre o teatro documental, a standup comedy e o teatro isabelino.
Finalmente, os días 6 e 7 de marzo chega á programación da Rede en Santiago a proposta de Producións Teatrais Excéntricas As desterradas. Escrita por Carme Varela e con dirección de Quico Cadaval, este thriller conventual situado na Galicia do século XVI foi a obra gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais en 2020. Na súa posta en escena conta no seu elenco con María Costas, Melania Cruz, Rocío González, Rebeca Montero, Patricia Vázquez e Víctor Mosquera para reconstruír uns tempos de resistencia das comunidades de mulleres autosuficientes e poderosas.
Selos do Centro Dramático e do Centro Coreográfico
A unidade teatral da Xunta tamén está presente no programa de escénicas con As formas do amor, unha proposta da compañía galega Verdeveras coproducida polo Centro Dramático Galego que chegará ao Teatro Principal o 14 de febreiro.
Ademais, enmarcado nas liñas de traballo que se veñen desenvolvendo con Portugal, os días 14 e 15 de xuño preséntase Casa Portuguesa, do Teatro Nacional Dona Maria II, con dramaturxia de Pedro Penim. Esta produción chega ao abeiro do programa Temporada Cruzada. Portugal – España. 50 anos de cultura e democracia, co apoio da Xunta de Galicia a través do Centro Dramático Galego para a súa representación en Santiago.
Pola súa banda, entre as funcións de danza figura o venres 23 de maio Proto (SN1806) de Janet Novás, unha das coproducións do Centro Coreográfico Galego da temporada 22-23.
Apoio á creación escénica
Oito dos espectáculos incluídos na programación de xaneiro e xuño de 2025 contan co apoio das axudas á creación escénica. Na convocatoria de 2023 recibiu a subvención Go home, de Etiqueta Negra, mentres que en 2024 tamén o fixeron Guerra, de Teatro Noroeste; As gardiás, de Teatro de Ningures; Mulleres que viven soas, de Berrobambán; e As desterradas, de Excéntricas.
Na modalidade de danza, contou con estas axudas da Xunta a peza Aurora Boreal, de Paula Quintas, que poderá verse no escenario do da rúa Nova 21 o 30 de abril. Na categoría de nova creación, contan así mesmo co apoio do Goberno galego os espectáculos Para que non me deixes soa aquí, de Julia Laport, e Tromso, de Morraoconto.
Máis de 550 representacións en 2024
A Rede Galega de Teatros e Auditorios programou 555 actuacións de teatro, danza, maxia, circo e música nunha corentena de localidades das catro provincias galegas neste 2024, cun orzamento de preto de 2.000.000 de euros. Este investimento destinouse integramente á contratación das 172 formacións artísticas profesionais, galegas na súa meirande parte, que lle dan forma a esta carteleira ao longo de todo o ano.
Nestes momentos, os responsables de programación dos concellos e resto de entidades locais implicadas están a pechar as súas respectivas programacións, que se despregarán de xaneiro a xuño de 2025 e que constitúen no seu conxunto un destacado mercado interior para a distribución de espectáculos producidos polas compañías profesionais galegas.