Nova: A Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia publícase no DOG e entrará en vigor nos vindeiros días
11/12/2024
A Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia publícase no DOG e entrará en vigor nos vindeiros días
A nova normativa do Goberno galego é pioneira en Europa e desenvolverá medidas para derrubar barreiras físicas, cognitivas, sociais ou territoriais
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude elaborou de xeito consensuado co sector esta regulación, que foi aprobada no Parlamento sen ningún voto en contra
Permitirá impulsar e ampliar programas cos que xa se leva tempo traballando como ‘CulturON’, ‘A Furgoteca’ ou a Rede Adival, que se creará este mesmo ano
Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2024
A nova Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada pola Xunta para garantir o acceso á cultura de todas as persoas, eliminando as barreiras físicas, cognitivas, comunicativas, sociais ou territoriais, entrará en vigor nos vindeiros días despois da súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia e tras ser aprobada no Parlamento galego o pasado 19 de novembro, e sen ningún voto en contra.
Trátase dun texto pioneiro que, por primeira vez en Europa, regula o dereito de acceso á cultura desde a perspectiva da inclusión e da accesibilidade. Nesa liña de acción, recolle unha serie de artigos destinados a todas as persoas, nos que se presta especial atención a aquelas que se atopan en situación de desvantaxe.
Neste senso, a normativa entende por risco de exclusión cultural, entre outras condicións, as limitacións por zona de residencia, atoparse cun déficit grave de recursos económicos, contar cunha discapacidade ou estar en situación de dependencia, ser unha persoa desempregada, ser vítima de violencia de xénero, estar en proceso de rehabilitación social ou pertencer a unha minoría étnica.
A regulación abrangue dúas perspectivas referidas á participación na vida cultural. Por un lado, o acceso aos servizos e produtos culturais para todos. E por outro, a vertente creadora, visibilizando o talento de persoas con menos oportunidades de mostrar as súas cualidades.
Medidas dialogadas co sector
A normativa é resultado dun proceso previo de reflexión e diálogo co sector no que tiveron lugar sete mesas de traballo coa colaboración de máis de 50 entidades que versaron sobre a infancia, a igualdade, a xuventude, as persoas maiores, as institucións e as industrias culturais.
Algunhas das medidas que estarán amparadas baixo esta nova normativa abranguen garantir cuestións como a preservación da venda de entradas en despachos de billetes, e non só en liña, cando a tipoloxía de público así o requira, descontos ou gratuidades para certos colectivos, uso de formatos móbiles e itinerantes, funcións con subtítulos ou audiodescricións, uso de tecnoloxías inmersivas e a elaboración de textos sinxelos e pictogramas en contidos culturais, entre outras.
Propostas inclusivas xa en marcha
No entanto, cómpre destacar que o Goberno galego xa leva tempo traballando nesta senda con varias medidas que xa están en marcha, poñendo de relevo o seu firme compromiso por ofrecer un modelo cultural adaptado a todo tipo de públicos e que chegue a toda Galicia. É o caso do CulturON, campaña que durante este verán aglutinou un programa dunha media de 30 actividades en máis de 200 concellos, ou da Rede Adival, que a Xunta creará este mesmo ano para dinamizar a cultura no rural galego.
Outra acción que xa responde ás premisas desta lei é A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles que funciona nos concellos do rural de Ourense e Lugo, con menos de 5.000 habitantes, levando a lectura e outras propostas de dinamización cultural a lugares con limitacións xeográficas e que vén de sumar a terceira ruta. Asemade, é de destacar o programa Cultura no Camiño, que enche as zonas rurais dunha oferta cultural diversa e de calidade.
Ademais, entre as iniciativas en marcha atópase o sistema pioneiro de teatro inclusivo do Centro Dramático Galego no Salón Teatro, unha proposta que posibilita funcións con subtítulos ou audiodescricións ou sesións con condicións especiais para persoas sensibles á luz, o ruído ou a escuridade ou os proxectos piloto da Cidade da Cultura, nos que persoas con dificultades auditivas poden mellorar a súa experiencia nos concertos grazas a unhas mochilas vibratorias ou afondar na exposición Unha vida viquinga a través dunha audioguía en linguaxe de signos.