Nova: A Xunta considera “extraordinariamente relevante” a participación do sector do libro e cultura galegas na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

12/12/2024

A Xunta considera “extraordinariamente relevante” a participación do sector do libro e cultura galegas na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara

Anxo M. Lorenzo salienta que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude facilitou a asistencia de 14 profesionais galegos nesta cita internacional

O Goberno galego programou un total de 21 actividades entre presentacións, conferencias e entrevistas

O representante de Cultura anuncia que en 2025 iniciarase a elaboración do terceiro Mapa de Bibliotecas Públicas de Galicia

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, cualificou hoxe de “extraordinariamente relevante” a participación do sector do libro e cultura galegas na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara (México), onde considerou que “tiraron moi bo proveito da grande oportunidade que supón a asistencia ao evento editorial profesional máis relevante de iberoamérica”.

Así o salientou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude na súa intervención na Comisión 4º do Parlamento de Galicia, onde puxo en valor o compromiso do Goberno galego no apoio a este sector facilitando a asistencia de 14 profesionais do sector do libro de Galicia que participaron neste evento. Deste xeito, destacou a participación de Eva Mejuto, Manel Loureiro, Manel Cráneo, Pedro Feijóo e José María Paz Gago nas presentacións, conferencias e entrevistas programadas para estes días.

“Dispoñer nun evento da envergadura desta feira de persoas en representación da cultura galega, espallando a literatura, o libro e a creación cultural de Galicia, en xeral, é mais que satisfactorio e obxecto de orgullo”, aseverou o director xeral de Cultura na súa intervención.

Precisamente, explicou que esta delegación apoiada pola Xunta de Galicia participou nun total de 21 actividades desenvolvidas polo propia Administración autonómica nun espazo propio na Feira do Libro de Guadalaxara. Neste senso, apuntou que neste expositor exhibíronse “unha ampla selección dos títulos máis relevantes dos últimos tempos das principais editoriais galegas, co que se amosou gran calidade da produción literaria que achegamos desde a nosa Comunidade”, enxalzou.

Anxo M. Lorenzo precisou que a asistencia de Galicia nesta feira de recoñecido prestixio enmárcase nas actividades de promoción exterior da literatura galega postas en marchas pola Administración autonómica a través do sector editorial. Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 200.000€ anuais para asistir a este tipo de eventos con proxección internacional, concretamente para ter presenza, ademais de na Feira do Libro de Guadalaxara (México), na de Boloña (Italia) e na de Bos Aires (Arxentina), ás que se lle suma o Ficomic de Barcelona.

Incremento de usuarios, préstamos e visitantes nas bibliotecas

Na súa intervención na Comisión parlamentaria, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude tamén falou do estado actual da Rede de Bibliotecas de Galicia, da que salientou o incremento de usuarios, visitantes e préstamos, segundo os datos do Informe 2019-2023.

Así, Anxo M. Lorenzo destacou que, na actualidade, as bibliotecas galegas contan cun total de 846.441 persoas usuarias, “o que supón o 31,3% da poboación”. “Esta cifra dá testemuño dun incremento do 4,6% con respecto a 2022, ano no que xa se rexistrara o aumento do número de carnés, ao igual que en 2021, tras a caída en 2020 por mor da pandemia”, aclarou.

De igual xeito, valorou como “moi significativa” a alza no número de préstamos. En concreto, apuntou que en 2023 rexistráronse máis de 150.000 prestameiros, “o que supón que son un 12,9% máis que no ano anterior”. Ademais, indicou que se realizaron máis de 2,1 millóns de préstamos en total, “recollendo un suba de 8,8% con respecto aos  de 2022”. En canto ao número de visitantes, incidiu na suba dun 13,4% ao situarse en máis de 3,7 millóns o pasado ano.

Elaboración do terceiro Mapa de Bibliotecas de Galicia

Finalmente, o director xeral de Cultura anunciou que, para seguir mellorando e adaptando as bibliotecas públicas de Galicia aos novos retos, en 2025 a Xunta de Galicia comezará a elaboración do terceiro Mapa de Bibliotecas de Galicia. Ao respecto, lembrou que o último presentado foi no ano 2022.

Comparte