Nova: A Xunta inicia en xaneiro o percorrido da terceira Furgoteca por varios concellos de Ourense

18/12/2024

A Xunta inicia en xaneiro o percorrido da terceira Furgoteca por varios concellos de Ourense

A nova liña das bibliotecas móbiles completa as dúas que xa funcionan desde marzo de 2023 no rural lucense e ourensán

A ruta abrangue un total de dez municipios que suman máis de 11.200 habitantes

Neste mes de decembro comezan as actividades de dinamización cultural coas que se completa a oferta

Porqueira (Ourense), 18 de decembro de 2024

A Xunta de Galicia iniciará en xaneiro o percorrido da nova ruta de A Furgoteca, que chegará a dez concellos da zona occidental da provincia de Ourense e completará así o servizo de bibliotecas móbiles do rural lucense e ourensán que xa contaba desde 2023 con outras dúas liñas en funcionamento. Así o destacou hoxe o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, nunha reunión coa alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, o municipio no que terá a súa base o novo vehículo.

Así, o representante do Goberno galego destacou que “ampliamos a oferta con este novo servizo motivados pola boa acollida por parte das persoas usuarias ás que lle achegamos as función propias das bibliotecas en lugares onde non contan con estes equipamentos”. Neste senso, a nova Furgoteca abrangue os concellos de Lobeira, Muíños, Padrenda, Porqueira, Quintela de Leirado, Rairiz de Veiga, Ramirás, Sandiás, Sarreaus e Verea, que suman no seu conxunto 11.233 habitantes.

Tal e como lembrou Anxo M. Lorenzo, no primeiro ano de funcionamento as bibliotecas móbiles, que estiveron presentes en 20 municipios de menos de 2.000 veciños, atenderon a 14.300 persoas e realizaron máis de 300 actividades de dinamización cultural.

Precisamente as propostas de lecer son un complemento esencial no funcionamento das rutas e para esta terceira que iniciará camiño o 2 de xaneiro xa se elaborou un programa con distintas accións como contacontos, obradoiros de creación ou xogos infantís que comezarán xa neste mes decembro nas distintas localidades que comprende.

Dinamización cultural no rural

A iniciativa concorda cos obxectivos da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, impulsada pola Xunta e que entrará en vigor nos vindeiros días, e que promove o acceso á cultura de todas as persoas facendo especial fincapé en paliar as limitacións xeográficas.

As rutas de A Furgoteca viaxan dúas veces ao mes a cada un dos concellos participantes, de maneira que se asenta un dos días nas localizacións con maior afluencia de público, xa sexan feiras, mercados, centros de saúde, pavillóns de deporte ou centros socioculturais. Na outra xornada achéganse ás aldeas para ofrecer unha atención máis personalizada.

Ademais, as bibliotecas móbiles van acompañadas de diversas propostas de lecer como obradoiros, contacontos, conferencias ou actuacións musicais, entre outras citas.

Deste xeito, o servizo responde tamén á finalidade da Rede Adival de dinamización cultural no rural coa que o Goberno galego aposta por potenciar a programación cultural nas zonas non urbanas.

Comparte