Nova: A Xunta inicia a restauración da cuberta e outras melloras na igrexa de Santa María de Vilabade, en Castroverde
09/01/2025
A Xunta inicia a restauración da cuberta e outras melloras na igrexa de Santa María de Vilabade, en Castroverde
O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que a actuación ten un orzamento de preto de 205.000 euros e inclúe traballos de conservación preventiva das pinturas murais
Castroverde (Lugo), 9 de xaneiro de 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude inviste un total de 204.800 euros na restauración da cuberta e a execución doutras melloras na igrexa de Santa María de Vilabade, en Castroverde.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, visitou hoxe o templo con motivo do inicio dos traballos, que se realizan a través dun convenio de colaboración coa Diócese de Lugo. O obxectivo é resolver as patoloxías derivadas das filtracións de auga, mellorar as condicións de humidade e garantir a preservación das pinturas murais do interior.
Con esa finalidade, na cuberta incorporarase un illante térmico e renovarase o enlousado, colocando protección de zinc no campanario e noutras zonas. Nos paramentos substituiranse os morteiros de cemento por outros de cal, e tamén se renovará e saneará a drenaxe perimetral da igrexa.
Igualmente faranse intervencións puntuais nas carpinterías exteriores para mellorar as condicións de ventilación. A actuación complétase con traballos de conservación preventiva das pinturas murais co fin de frear o seu deterioro.
A igrexa de Santa María de Vilabade, situada no Camiño Primitivo, está protexida polo seu valor cultural. Ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de monumento e figura no Catálogo de Protección do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Castroverde.
Na década dos 70 do século XX realizouse unha importante obra de reforma nas cubertas, na que se incorporaron por riba das bóvedas uns forxados de formigón deixando un espazo baixo-cuberta entre ambos. Tamén nesa intervención se substituíron as revocaduras de cal por outras de morteiro de cemento que provocaron co paso do tempo patoloxías no edificio.