Nova: A Xunta pon en valor a riqueza histórica e monumental do patrimonio señorial de Galicia

22/01/2025

A Xunta pon en valor a riqueza histórica e monumental do patrimonio señorial de Galicia

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2025

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, puxo en valor hoxe a “riqueza histórica, monumental e documental” que acubilla o patrimonio señorial de Galicia, “tamén en materia de léxico e toponimia”. Así o salientou na inauguración no Pazo de San Roque, en Santiago de Compostela, da exposición itinerante Os nosos castelos: San Paio de Narla e os seus señores.

A mostra está organizada polo Instituto de Estudios Gallegos del Padre Sarmiento e conta co apoio da Xunta de Galicia para difundir entre a sociedade a riqueza histórica e cultural das fortalezas galegas. Neste caso concreto, a través da historia do castelo de San Paio de Narla, situado en Santa María de Xiá, no concello lucense de Friol.

O representante da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou o labor “divulgativo e histórico” desta exposición e gabou a estrutura da mesma para dar a coñecer dun “xeito didáctico e máis que interesante” a evolución arquitectónica, o seu contexto señorial, as liñaxes asociadas á súa historia e o seu legado documental e literario.

Cómpre lembrar que o castelo de San Paio de Narla foi convertido en museo histórico e etnográfico en 1983 e a súa estrutura actual, que data dos séculos XVI e XVII, eríxese sobre os restos da fortaleza destruída durante as revoltas Irmandiñas do século XV.  

Comparte