Nova: A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe á carteleira de espectáculos da cidade de Pontevedra con 11 funcións ata abril

13/02/2025

A Rede Galega de Teatros e Auditorios contribúe á carteleira de espectáculos da cidade de Pontevedra con 11 funcións ata abril

A programación de artes escénicas do Concello cofinanciada pola Xunta forma parte dos ciclos ‘Domingos do Principal’ e da actividade do Pazo da Cultura

O público familiar é o protagonista desta oferta do circuíto cultural autonómico, con espectáculos como ‘Kyoki’, de Elefante Elegante, ‘A historia de Lumecú’, de Percubebés, ou ‘Luppo’, de Baobab Teatro

Pontevedra, 13 de xaneiro de 2025

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece ata o vindeiro mes de abril un total de 11 funcións de oito espectáculos de teatro, música, maxia e danza na cidade de Pontevedra. O Teatro Principal e o Auditorio do Pazo da Cultura son os espazos onde se desenvolverá a programación do primeiro semestre deste circuíto promovido e cofinanciado pola Xunta de Galicia.

A oferta da nova temporada escénica da Rede en Pontevedra arranca o domingo 16 de febreiro con dous pases de Kyoki, un espectáculo plástico e visual onde a compañía  Elefante Elegante fai reflexionar sobre a vellez, o esquecemento e a soidade.

As seguintes funcións, xa para público adulto, serán o 27 de febreiro con #2Pilgrims, de Redrum Teatro, que explora temas como o feminismo, as novas masculinidades ou as redes sociais; e o 20 de marzo con Reconversión, no que Ibuprofeno Teatro aborda a reconversión do sector naval na ría de Vigo. As tres propostas amosaranse desde o escenario do Teatro Principal da cidade do Lérez.

A programación especialmente dirixida a público infantil e familiar continuará no Pazo da Cultura, onde o 22 de marzo haberá tres pases do espectáculo musical A historia de Lumecú, de Percubebés, e o día 23 unha función de A maxia do cinema, a cargo de O Mago Paco. Xa o 29 marzo será a quenda de Pitiminí: Concerto para bebés, de Davide González, e o domingo 30 poderá verse Luppo, de Baobab Teatro, unha peza que fala do apego das persoas que nos rodean, en particular dos nosos maiores.

O programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios remata en Pontevedra o xoves 3 abril no Auditorio do Pazo da Cultura con CEIB3, de Fran Sieira Compañía de Danza, unha peza que explora a relación entre o xénero e a nosa tradición.

Máis de 340 representacións en Galicia

A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa ata a o vindeiro mes de xuño 343 funcións de artes escénicas e musicais en 41 concellos das catro provincias galegas. A Xunta e as entidades locais asociadas cofinancian este circuíto que conta para todo 2025 cun orzamento de máis de 1 M€, destinado integramente á contratación de formacións artísticas profesionais de teatro, música, danza, circo e maxia, galegas na súa meirande parte.

Comparte