Nova: José López Campos anuncia a concesión do premio de honra dos Mestre Mateo do audiovisual á script Encarna Alonso

18/02/2025
José López Campos anuncia a concesión do premio de honra dos Mestre Mateo do audiovisual á script Encarna Alonso
Seralle entregado o 15 de marzo en Lalín no transcurso da gala desta 23ª edición dos galardóns, organizados pola Academia Galega do Audiovisual co apoio da Xunta
Vinculada ao sector desde hai máis de 35 anos, Alonso é un referente no seu oficio, centrado en garantir a continuidade, coherencia e fidelidade do relato visual e narrativo nas producións de cinema e televisión
Santiago de Compostela, 18 de febreiro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou esta mañá a concesión do Premio de Honra Fernando Rey da Academia Galega do Audiovisual á script Encarna Alonso, referente no seu oficio en Galicia tras máis de 35 anos de traxectoria garantindo a continuidade, coherencia e fidelidade do relato visual e narrativo en máis de vinte longametraxes, numerosas curtas e preto de 500 episodios de series televisivas.
López Campos foi o encargado de abrir o sobre que contiña o nome da profesional recoñecida este ano co galardón honorífico dos Premios Mestre Mateo, que lle será entregado no transcurso da gala que terá lugar o vindeiro 15 de marzo no Lalín Arena e que, como explicou o conselleiro, volve contar coa implicación económica da Xunta na súa organización.
Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais; Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, e Alba Gallego, vogal da xunta directiva desta entidade, participaron tamén neste acto de comunicación do Premio Fernando Rey, que se outorga cada ano ao abeiro da celebración dos Mestre Mateo.
Estímulo para a profesión
Ao respecto dos galardóns do audiovisual galego, o titular de Cultura do Goberno autonómico salientou o seu papel como “estímulo profesional para unha mellor expresión da creatividade e unha maior visibilidade dos nosos filmes e series, dos seus artífices e de todos os profesionais que participan neles”. “Un impulso que contribuirá a continuar na senda do excelente momento que está vivindo a nosa industria audiovisual e que tantas alegrías nos está reportando”, continuou.
A colaboración anual coa organización destes premios por parte da Academia Galega do Audiovisual, a través dun convenio de 70.000 euros para o seu desenvolvemento, enmárcase no conxunto de convocatorias da Xunta de Galicia como xeito de fomentar e impulsar un sector clave para as nosas industrias culturais.
A través desta liña de subvencións, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude contribuíu a que moitas das propostas que son candidatas aos Mestre Mateo en 2025 puideran chegar á gran pantalla e que agora opten ser recoñecidas nalgunha das 25 categorías. Entre elas, algunhas das que suman máis candidaturas, como as longametraxes As Neves, Honeymoon ou + Cuñados.
Pioneira na incorporación da muller aos oficios técnicos
O conselleiro felicitou a Academia Galega do Audiovisual polo seu labor como organizadora destes premios e pola decisión de outorgarlle o seu galardón de honra este ano a Encarna Alonso, dándolle así visibilidade ao oficio de script, do que a propia homenaxeada destaca “a atención, a precisión do detalle, a posibilidade de crear e a estreita relación cos directores e directoras”. Con este recoñecemento incídese, ademais, na súa condición de profesional pioneira na incorporación da muller aos apartados técnicos do sector.
Nada en La Ercina (Léon), pero establecida na Coruña desde os anos setenta, o seu primeiro traballo audiovisual foi na serie Lendas, dirixida por Carlos Amil para Voz TV e emitida pola TVG. Tamén para televisión, participou en títulos tan coñecidos como Mareas vivas, Pratos combinados ou Nada es para siempre.
En cine, iniciou a súa traxectoria con Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, e ten formado parte do equipo de numerosos cineastas, como Xavier Villaverde, Carlos Amil, Patricia Ferreira, Alfonso Zarauza, Jorge Coira, Daniel Calparsoro, Ramón Costafreda, Ángel de la Cruz, Gerardo Herrero ou Héctor Carré.
Moi vinculada tamén ao ámbito da docencia, ten publicado o libro O oficio de script dentro da colección Cadernos da Escola de Imaxe e Son da Coruña.