Nova: As obras da Xunta na catedral de Lugo sacan á luz un tramo da cloaca romana do século IV

18/02/2025
As obras da Xunta na catedral de Lugo sacan á luz un tramo da cloaca romana do século IV
Trátase dos restos do antigo sistema de saneamento que cruza a basílica de norte a sur
Os traballos tamén deixan ao descuberto unha canalización do S.XVIII que rodeaba a cabeceira do templo polo exterior
López Campos destaca “uns achados de grande importancia para a historia da cidade e para afondar nas orixes das principais urbes galegas”
O Goberno galego está a realizar unha actuación para reparar humidades no marco do Plan Catedrais dotado con 7M€ para o conxunto catedralicio lucense
Lugo, 18 de febreiro de 2025
Os traballos que a Xunta leva a cabo na Catedral de Lugo sacan á luz un tramo da cloaca romana abovedada do século IV d.C. e unha canalización do século XVIII. Así o confirmou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, durante a visita que realizou hoxe para comprobar de primeira man “uns achados de grande importancia para a historia da cidade e para continuar afondando nas orixes das principais urbes galegas”, na que estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e pola directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª del Carmen Martínez.
Así, tal e como explicou o representante do Goberno galego, “chama a atención o descubrimento a un nivel moi superficial” desta parte dunha das grandes cloacas do sistema de saneamento da antiga Lucus Augusti, engadindo que se trata dun tramo que cruzaba de norte a sur a Catedral pola súa xirola. Neste senso, incidiu en que agora mesmo estanse a limpar os restos arqueolóxicos para a súa documentación, na que se tomarán como referencia os datos dun estudo preliminar realizado no 2023 pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
En canto á canalización do S.XVIII, como así se relatou durante a visita, trátase dun sistema que rodeaba a cabeceira da catedral e cuxa función era evitar a entrada de humidades na capela da Virxe dos Ollos Grandes e tamén nas capelas absidais. Así, a construción caracterízase por ser de paredes de cachotería con tapas de lousa de gran tamaño, da que se conservan polo menos tres arquetas de acceso.
Actuacións na cabeceira do templo
As obras que a Xunta de Galicia está a realizar na Catedral de Lugo, cun orzamento de 450.000€, están destinadas a solucionar os problemas de humidade, centrándose na capela dos Ollos Grandes e nas absidiais, localizadas todas elas na cabeceira do templo. Así, o obxectivo dos traballos é corrixir estas deficiencias coa mellora da canalización das augas, da drenaxe e da ventilación. Ademais, cunha duración aproximada de seis meses, a intervención inclúe tamén a limpeza e rexuntado da fábrica exterior. Estas obras están incluídas dentro da operación Feder aprobada para actuar neste inmoble cun investimento superior aos 3,2 M€.
Neste senso, López Campos lembrou que este proxecto forma parte da liña de traballo da Consellería de cultura, Lingua e Xuventude para “conservar e pór en valor o patrimonio máis sobranceiro da Comunidade” ao abeiro do Plan Catedrais que, precisou, “no caso de Lugo, prevese un investimento de 7 millóns de euros para levar a cabo unha quincena de actuacións”.