Nova: A Xunta estrea na Cidade da Cultura unha revisión en clave de humor do Ricardo III de Shakespeare dentro do ciclo ‘Clásicas desfeitas’

20/02/2025
A Xunta estrea na Cidade da Cultura unha revisión en clave de humor do Ricardo III de Shakespeare dentro do ciclo ‘Clásicas desfeitas’
Coas entradas esgotadas, o actor Evaristo Calvo ponse na pel do soberano en ‘Mala vida e pior morte do rei Ricardo III’ este venres e sábado no Gaiás
A obra confronta o retrato de tirano cruel e asasino da traxedia shakesperiana coa figura histórica do monarca inglés
‘Clásicas desfeitas’ pecha este ano con ‘Medea–Mamá–Monstro’, unha creación de Helena Varela e Laura Porto que mestura falso documental, ‘freak show’ e robótica
O ciclo escénico é unha iniciativa do Centro Dramático Galego coa Cidade da Cultura para reformular obras clásicas a través das linguaxes contemporáneas
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2025
A Xunta de Galicia promove a estrea este venres de Mala vida e pior morte do rei Ricardo III, unha peza teatral que confronta con humor o cruel retrato da traxedia de Shakespeare protagonizada polo monarca inglés. O espectáculo, que esgotou entradas para esta fin de semana, compón o volume XII das Clásicas desfeitas, o ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura que revisa obras fundamentais da literatura desde unha óptica contemporánea.
O actor e dramaturgo Evaristo Calvo, co-fundador do dúo cómico Mofa e Befa, pon a coroa nesta nova creación escénica para encarnar un Ricardo III que defende non ter sido nin tan malvado nin tan asasino como o quixeron facer ver Shakespeare e algúns historiadores da época. O escenario elixido para a súa representación, os días 21 e 22 de febreiro con funcións ás 18,00 e ás 20,00 horas, será a baixo-cuberta do edificio da Biblioteca de Galicia.
A directora e creadora Alessandra García —premio Max das artes escénicas e premio El Ojo Crítico de Teatro de RNE en 2022— e o director, actor e improvisador Antón Coucheiro estiveron a traballar xunto a Evaristo Calvo na dirección escénica de Mala vida e pior morte do rei Ricardo III durante a súa residencia artística no Gaiás. Canda eles participaron tamén no desenvolvemento da obra, a directora Ana Vallés como asesora de dramaturxia e movemento, a profesora e investigadora da USC, Cristina Mourón Figueroa, como consultora no apartado histórico, e a poeta e escritora María Lado, no apartado de dramaturxia.
Clásicas desfeitas remata na última fin de semana de febreiro co volume XIII, titulado Medea–Mamá–Monstro. Nesta innovadora experiencia escénica, que combina o falso documental co ‘freak show’ e a robótica, Helena Varela e Laura Porto recompoñen unha figura máis complexa e máis humana do arquetipo da vinganza feminina que escribiu Eurípides.