Nova: O Director de Industrias Culturais subliña o papel do festival singular de Narón na profesionalización do monólogo como formato teatral

21/02/2025
O Director de Industrias Culturais subliña o papel do festival singular de Narón na profesionalización do monólogo como formato teatral
Anunciou que a Xunta abrirá nas próximas semanas a súa convocatoria anual de axudas a festivais de artes escénicas, a través da que en 2024 investiu 280.000 euros na organización de 12 encontros
A cita naronesa combina a exhibición dunha ducia de espectáculos cun programa paralelo no que destaca a rolda de negocios para promover a contratación internacional de compañías galegas
Narón (A Coruña), 21 de febreiro de 2024
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación en Narón da 10ª edición de Singular Festival Internacional do Monólogo Teatral, que do 7 ao 30 marzo combinará a exhibición dunha ducia de espectáculos no Pazo da Cultura co desenvolvemento dunha programación profesional de talleres, mesas redondas e unha rolda de negocios para promover a contratación internacional de compañías galegas.
O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destacou precisamente o papel deste evento na profesionalización e na visibilidade do monólogo como formato teatral cun gran potencial de proxección internacional, no que Galicia conta cunha destacada representación artística e cunha ampla tradición baseada na cultura da narración oral.
Así mesmo, lembrou que a cita naronesa foi unha das 12 subvencionadas en 2024 a través da liña anual de axudas da Xunta de Galicia para festivais de artes escénicas, dotada con 280.000 euros, ao tempo que anunciou que a convocatoria correspondente a 2025 será publicada nas vindeiras semanas.
Carteleira internacional
A representación galega na carteleira do 10º Singular corre a cargo de Diego Anido, Chévere, Atenea García e, no apartado da programación para público infantil, Manuela Varela, Elefante Elegante, Cris de Caldas e A Xanela do Maxín. As súas propostas conviven coas de coñecidos nomes do panorama estatal, como Toni Acosta, Alberto San Juan e Teatro del Barrio, ademais de coa compañía cubana Aire Frío e a arxentina Rey Marciali Producciones.
Ademais, o festival vén incorporando nas súas últimas edicións unha serie de actividades paralelas pensadas para os profesionais do sector, que este ano se concretan nun taller actoral a cargo da cubana Beatriz Viñas, un seminario de clown que impartirá a arxentina Julieta Daga, unha mesa redonda sobre programación en Galicia de espectáculos internacionais e unha rolda de negocios para facilitar o encontro de compañías galegas con profesionais da programación cultural procedentes de diferentes países, como Arxentina, Colombia, Costa Rica, Estados Unidos, República Dominicana ou Uruguai, así como doutros puntos de España.
A raíz desta última iniciativa, o ano pasado catro formacións de Galicia concretaron xiras por Uruguai, Costa Rica e Nicaragua, para as que tamén tiveron á súa disposición as axudas á distribución nas industrias culturais, convocadas anualmente pola Axencia Galega das Industrias Culturais co obxectivo de favorecer a internacionalización das nosas artes escénicas e musicais.