Nova: A Xunta achega a literatura fantástica en galego á comunidade escolar cunha unidade didáctica sobre a mostra da Biblioteca de Galicia ‘Do soño á apocalipse’

21/02/2025

A Xunta achega a literatura fantástica en galego á comunidade escolar cunha unidade didáctica sobre a mostra da Biblioteca de Galicia ‘Do soño á apocalipse’

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, celebra que o alumnado “poida ampliar coñecementos de literatura galega nos xéneros da fantasía, ciencia ficción e terror”

Esta proposta fornece o profesorado de lecturas e ferramentas para visitar a mostra cos escolares e reflexionar nas aulas dun xeito lúdico

Santiago de Compostela, 21 de febreiro de 2025

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a unidade didáctica sobre a exposición Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego. Trátase dun manual elaborado a raíz da mostra que pode visitarse na Biblioteca de Galicia ata o mes de marzo, e que pretende promover o coñecemento deste xénero literario entre o alumnado.

Tal e como explicou o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude esta unidade está dirixida principalmente á rapazada de secundaria, aínda que tamén conta con actividades adaptadas para o último ciclo de primaria, e celebrou que os escolares “poidan ampliar os seus coñecementos respecto da literatura galega nos xéneros da fantasía, a ciencia ficción e o terror”.

Anxo M. Lorenzo salientou que esta proposta tamén pretende ser “un recurso a través do que a mocidade poida desenvolver un pensamento autónomo para medrar intelectual, social e lingüisticamente xa que os libros, ademais de abrir a porta para imaxinar outros mundos, permiten reflexionar sobre o real”.

A unidade didáctica está realizada por José Manuel Dopazo e Alba Rozas, mestres e fundadores de Boadicea Editora, a única editorial en Galicia especializada no xénero fantástico. Ademais, Alba Rozas é a comisaria da exposición na que se basea esta iniciativa co obxecto de achegarlle ao profesorado ferramentas para visitar a mostra na Cidade da Cultura, así como de lecturas para dar a coñecer este xénero na aula.

A literatura fantástica en galego

A exposición Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego fai un percorrido pola evolución deste xénero, tanto a través de libros escritos en Galicia como de traducións de grandes autores e autoras a nivel internacional.

Un dos piares sobre os que se sustenta esta proposta didáctica é o de poñer en valor a cultura galega e os seus referentes no que se refire á literatura fantástica como Vicente Risco, Daniel Rodríguez Castelao, Ánxel Fole, Rafael Dieste ou Álvaro Cunqueiro. Así como de todos os autores e autoras que, na actualidade, continúan escribindo obras de corte fantástico como Manuel Rivas, María Reimóndez, Lara Dopazo ou a propia Alba Rozas Arceo.

Comparte