Nova: A sede da Xunta en Lugo acollerá este venres un concerto de corais en homenaxe ao pintor Manuel Gulín

05/03/2025

A sede da Xunta en Lugo acollerá este venres un concerto de corais en homenaxe ao pintor Manuel Gulín

Será de entrada libre e gratuíta e actuarán o Orfeón Lucense e o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago

Lugo, 5 de marzo de 2025

O salón de actos da Delegación Territorial da Xunta en Lugo acollerá este venres, día 7, un concerto de corais en homenaxe ao pintor Manuel Gulín; comezará ás 20,00 horas e a entrada será libre e gratuíta ata completar aforo. 

A homenaxe estará protagonizada polo Orfeón Lucense e o Coro da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago da provincia de Lugo, e foi presentada hoxe na Delegación polos presidentes de ambas entidades, Xulio Xiz e Ángel Trabada, respectivamente, e polo  director territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández.

Manuel Gulín, natural de Ribadavia, desenvolveu gran parte da súa vida en Lugo, onde faleceu en setembro do 2023. Foi un destacado membro da escena cultural da provincia;  expuxo a súa obra en numerosas exposicións individuais e colectivas e mantivo unha colaboración constante como xurado con certames culturais como os do Belén de Begonte ou os da  Biblioteca Pública Provincial.

No acto do venres, Xiz e Trabada lembrarán tamén o seu labor como membro de ambas corais, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, recordará a súa  faceta como responsable do departamento de Patrimonio Cultural da Xunta.

No apartado musical, a Coral da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago estará dirixida por Esperanza Iglesias, e o Orfeón Lucense por Marcos Manuel Fernández.

Comparte