Nova: Belén do Campo asiste á estrea “A Burra, a mesa e o pau” unha produción do centro dramático galego

06/03/2025
Belén do Campo asiste á estrea “A Burra, a mesa e o pau” unha produción do centro dramático galego
Poderá verse no Salón Teatro de Santiago de Compostela ata o 20 de abril cos habituais servizos de accesibilidade e de mobilidade con servicio gratuíto de autobuses para ver o espectáculo
As entradas para as funcións de A burra, a mesa e o pau, programadas de mércores a domingos ás 18,00 h, poden adquirirse tanto na web ataquilla.com como no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das representacións
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2025
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o director de AGADIC, Jacobo Sutil, asistiron á estrea A Burra, a mesa e o Pau , unha produción do Centro Dramático Galego no Salón Teatro. Trátase da primeira das súas producións propias de 2025, para a que contou cun amplo elenco interxeracional de 15 intérpretes baixo a dirección e a dramaturxia de Lorena Conde. Esta nova proposta da unidade teatral da Xunta de Galicia permanecerá en cartel ata o 20 de abril para ofrecer 34 funcións.
O Centro Dramático Galego mantén unha intensa actividade nestes primeiros meses de 2025 e que prolongará durante todo o ano. Ao tempo que pon en escena A burra, a mesa e o pau, avanza na preparación doutra nova produción propia que verá a luz en setembro, A serie clopen, e continúa a participar en numerosas coproducións en Galicia, como as recentemente estreadas na Cidade da Cultura dentro do ciclo Clásicas desfeitas, e en Portugal, onde vén de presentar xunto a ASTA Teatro un espectáculo sobre a figura de Rosalía de Castro. Belén do Campo lembrou que o recente informe da Fundación Contemporánea o sitúa entre as 10 entidades culturais máis valoradas en Galicia
A burra, a mesa e o pau preséntase como unha fábula arredor dunha familia obreira galega que mantén esperanza nun golpe de sorte ou solución máxica para saír da precariedade na que vive a pesar da loita e o esforzo diarios.
Xúlio Abonjo, Maika Aguado, Beatriz Barcia, Xosé Manuel Esperante, Andrés Giráldez, Alixa Ladson, Roberto Leal, Mario López, Pablo Loureiro, Carla Mojón, Grial Montes, Paloma Otero, Paulo Serantes, Nelu Vermouth e Arantza Villar conforman o elenco deste conto de fadas sobre a clase obreira, no que conviven nomes cunha ampla e recoñecida traxectoria teatral con outros que se están abrir camiño nos escenarios, nun intercambio e enriquecemento interxeracional que se traslada tamén ás táboas.
Para esta proposta, Lorena Conde acompañouse, ademais, de Inés Salvado Gontad na asistencia de dirección e tamén na música xunto con Cibrán Seixo, de Carmen Casal (quen se ocupa así mesmo da caracterización), José Faro, Montse Piñeiro e María Torres Piñeiro no deseño do espazo escénico, iluminación, videocreación, vestiario e aderezos, Amparo Martínez no movemento escénico e coreografía, Raquel Crespo e Neme Vázquez na confección do vestiario e Keka Losada na asistencia de produción.
Como en todas as producións da compañía pública, as realizacións e traballos técnicos correspóndelles ao equipo propio do Centro Dramático Galego, que desta volta contou tamén coa colaboración da Filmoteca de Galicia na cesión de imaxes de películas do noso patrimonio fílmico.
Consolidación dos servizos de accesibilidade e mobilidade
A posta en escena de A burra, a mesa e o pau continuará avanzando no compromiso da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude coa inclusión, a mobilidade e a descentralización, en liña cos obxectivos da recentemente aprobada Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. A este respecto, as funcións no Salón Teatro dispoñen de interpretación a linguaxe de signos e subtítulos para o teléfono, dun programa de lectura fácil e, nas sesións descontraídas dos mércores, o acondicionamento especial da sala. Ao tempo, consolídase a campaña de mobilidade Sobes ao autobús do teatro?, que facilita servizo gratuíto de autocares para ver o espectáculo desde os concellos que o soliciten.
As entradas para as funcións de A burra, a mesa e o pau, programadas de mércores a domingos ás 18,00 h, poden adquirirse tanto na web ataquilla.com como no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para determinados colectivos e mais os domingos, Día do Espectador.