Nova: Rueda destaca o compromiso de Alfredo Conde coa calidade literaria e coa identidade galega na entrega dos XXXII Premios xornalísticos Puro Cora

09/04/2025

Rueda destaca o compromiso de Alfredo Conde coa calidade literaria e coa identidade galega na entrega dos XXXII Premios xornalísticos Puro Cora

Subliña que estes galardóns “recoñecen valores fundamentais dunha sociedade democrática” como “a liberdade de expresión, o compromiso coa verdade e a defensa da identidade”

Describe ao autor premiado coma “unha figura esencial da literatura e pensamento contemporáneos”

Salienta o compromiso da Xunta coa “protección e promoción” da lingua e cultura galega “dentro e fóra das nosas fronteiras”

Lugo, 9 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe o compromiso de Alfredo Conde coa calidade literaria e coa identidade galega na entrega dos XXXIII Premios Puro Cora, que este ano recoñecen a traxectoria do escritor e xornalista ourensán.

Os galardóns, que cada ano entrega o grupo El Progreso, buscan distinguir iniciativas individuais que contribúen a elevar o papel dos medios de comunicación tanto a nivel nacional como internacional. Para Rueda, trátase dun recoñecemento “aos valores que sosteñen unha democracia madura e unha cultura viva coma a liberdade de expresión, o compromiso coa verdade ou a defensa da identidade galega”.

Ademais, o presidente resaltou que estes galardóns son unha boa mostra da “Galicia que somos”, unha terra “de cordialidade, de entendemento, de consenso e de tranquilidade”. “Un estilo Galicia” que define e caracteriza á comunidade, indicou.

Rueda eloxiou a figura de Conde como “unha figura esencial da nosa literatura e pensamento contemporáneos” e facendo fincapé na súa faceta como columnista. “Un autor valente e analítico”, indicou. Ademais, salientou o papel de Conde como defensor dunha Galicia culta, libre e creativa, tanto dende a súa obra como desde a súa traxectoria institucional como exconselleiro de Cultura. “Recoñecer a Alfredo é tamén homenaxear á nosa cultura e á nosa lingua”, afirmou. 

O xefe do Executivo autonómico reafirmou o compromiso da Xunta coa “promoción e protección da cultura galega dentro e fóra das nosas fronteiras”, asegurando que este ámbito é un eido “estratéxico” para a comunidade. 

Comparte