Nova: Múltiples propostas nas bibliotecas públicas co gallo das Letras Galegas

15/05/2015

Múltiples propostas nas bibliotecas públicas co gallo das Letras Galegas

Ler conta moito convida a cidadanía a conmemorar esta data con máis de 50 actividades

A nova exposición da Biblioteca de Galicia propón un achegamento á bibliografía do escritor pontevedrés a través dunha selección de máis de 30 obras

A mostra itinerante ‘Xosé Filgueira Valverde. Un faro na construción de Galicia’ está estes días na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés

Santiago, 15 de maio de 2015.- A Rede de Bibliotecas de Galicia ofrece esta fin de semana unha programación especial co gallo da celebración das Letras Galegas, que este ano lle dedica a Real Academia Galega ao escritor, historiador e investigador pontevedrés Xosé Filgueira Valverde. O programa Ler conta moito da Secretaría Xeral de Cultura súmase a esta celebración cun total de 51 actividades de dinamización da lectura, que chegarán desde o hoxe e ata o domingo a bibliotecas e axencias de lectura de toda Galicia.

A figura do homenaxeado será protagonista coas actividades ‘Imos xogar con Xosé Filgueira Valverde’, a cargo de Eduvia e dirixida a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos, e 'Filgueira Valverde con maxia e música’, para mozos e adultos. Na primeira das propostas, a través dun xogo que inclúe música, teatro e danza, os máis pequenos achegaranse ao Día das Letras Galegas e ás autoras e autores homenaxeados, cunha especial atención ao escritor pontevedrés. A actividade chegará hoxe, 15 de maio, ás bibliotecas públicas municipais de Pazos de Borbén, de Rodeiro e de Silleda, e á Biblioteca Pública de Lugo; o sábado día 16 realizarase na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés e na Biblioteca Pública de Ourense, mentres que o domingo se desenvolverá na Axencia de Lectura Municipal (A.L.M.) Os Tilos, en Teo, e mais na Biblioteca Pública Municipal (B.P.M.) de Ribadavia.

En ‘Filgueira Valverde con maxia e música’, Álvaro Muras propón un percorrido guionizado de música e maxia pola vida e a obra do profesor pontevedrés. Un espectáculo con fondo musical e ilusións que navegan nos ensaios, na narrativa e na poesía, e que inclúe diversas sorpresas para coñecer a traxectoria do autor.

Música, teatro e danza para celebrar as Letras Galegas
Ademais destas actividades, Ler conta moito, que durante o mes de maio organiza máis de 200 actividades en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia, ofrecerá ata o domingo outras sesións coas que tamén se sumará á celebración do 17 de maio, nas que non faltarán a banda deseñada, a música, o audiovisual, o teatro e a danza para se achegar á lectura e ás Letras Galegas.

Durante o día de hoxe, a programación de Ler conta moito complátase coas actividades ‘Os escritores do calendario en cómic’, na Biblioteca Victoria Armesto de Mesía; ‘Unha viaxe polo mundo a través dos contos’, na A.L.M. de Bóveda; ‘O recuncho dos contos’, na A.L.M. de Ponteareas; ‘O murmurio do mar’, na B.P.M. de Bergondo; ‘O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa’, na B.P.M. de Xunqueira de Ambía; ‘Contos de lobo’, na B.P.M. de Malpica de Bergantiños; ‘Conta con sombras’, na B.P.M. de Barbadás; ‘Animalario fantástico’, na B.P.M. José Saramago de Vite, en Santiago de Compostela; ‘Cóntoche un traxe’, na B.P.M. Juana de Ibarbourou, en Lourenzá; ‘Libros en-cantados’, na B.P.M. de Camariñas; ‘Andersen!’, na A.L.M. da Baña; ‘O misterio do pirata Benito Soto’, na Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola; ‘Monicreques de personaxes mitolóxicos de Eduardo Pondal e Cunqueiro’, na B.P.M. Carballedo de Cotobade; A maleta da avoa’, na B.P.M. Salgado Toimil de Foz; ‘Conto contigo’, na B.P.M. de Pontecesures; ‘Bibliotecas animadas’, na B.P.M. de Ribadumia; Palma repalma, contos para bebés, na B.P.M. de Abegondo; ‘Contiario’, na B.P.M. de Vilalba; ‘Contacontos’, na B.P.M. de Maceda; ‘Maxia cómica’, na A.L.M. de Pantón e na B.P.M. de Ordes; ‘Lobo bobo’, na A.L.M. de Pantón; ‘Come libros’, na B.P.M. de Cambados; ‘Contos literarios’, na B.P.M. de Xove; e ‘Contos dende a saudade’, na A.L.M. de San Sadurniño.

Na véspera das Letras Galegas, o sábado 16 de maio, as actividades de Ler conta moito chegarán á B.P.M. "Xoan de Requeixo de Chantada, con ‘Contando en feminio’, á B.P.M. da Laracha, con ‘Camiño de historias’; á B.P.M. de Cervo, con ‘Contos de lobo’; á B.P.M. Infantil e Xuvenil da Coruña, con ‘Contacontos para bebés’; á B.P.M. Camariñas, con O cociñeiro Antón e a pasteleira Tomasa; á B.P.M. El Viejo Pancho de Ribadeo, con ‘Sobre nenas e nenos’; á Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal, con ‘Comechíns’; á B.P.M. de Ribeira, con ‘A maleta da avoa’; á B.P.M. do Grove, con ‘Libros en-cantados’.

Finalmente, coincidindo coa celebración do 17 de maio, o programa de dinamización da lectura Ler conta moito propón durante a xornada do domingo as seguintes actividades para festexar as Letras Galegas: ‘Espectáculo poético. Recital multimedia’, na B.P.M. Varela Jácome de Lalín; Unha viaxe polo mundo a través dos contos. Este ano visitamos América Central, na biblioteca de Poio; ‘Contos literarios’, na B.P.M. Antas de Ulla; ‘Palabras confeitadas’, na A.L.M. Ribas de Sil; e ‘Merenda con pan de millo’, na B.P.M. de Abegondo.

Os horarios e información detallada sobre cada un das actividades de Ler conta moito, xunto coa programación das bibliotecas centrais territoriais da Consellería de Cultura e Educación poden consultarse na Axenda de Cultura de Galicia a través do enderezo cultura.gal

Máis de 30 obras para se achegar a Filgueira
Para dar a coñecer a figura do homenaxeado este ano coas Letras Galegas, a Biblioteca de Galicia tamén ofrece desde hoxe e ata o vindeiro 30 de xuño a exposición ‘Xosé Filgueira Valverde’, que fai un percorrido pola traxectoria do escritor a través dunha escolma de 33 das súas obras. Trátase dunha bibliografía selecta que busca poñer en valor e dar a coñecer o seu inmenso labor a prol da cultura e da lingua galegas, nun percorrido que inclúe monografías, artigos, prólogos, obras de creación literaria e historiográficas, entre outras.

A obra de Filgueira Valverde, tanto científica como literaria, que supera os 300 títulos entre libros e folletos, máis de 1.000 artigos en periódicos e revistas, e máis de 1.600 conferencias. ‘O vigairo’, de 1927; ‘Agromar’, de 1936; a súa tese doutoral sobre a cantiga CIII de Afonso X O Sabio, o manuscrito da obra ‘La primitiva lírica de Galicia y Portugal’, xunto con artigos publicados en prensa e mesmo correspondencia como unha carta de Filgueira a Camilo Díaz Baliño son algunhas das pezas que se poden ver na mostra.

Filgueira Valverde en Galiciana
Ademais, como complemento á exposición, a Biblioteca de Galicia creou en Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, un micrositio dedicado a Filgueira Valverde, que está accesible desde hoxe en http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es. A obra do homenaxeado coas Letras Galegas 2015 atópase protexida por dereitos de propiedade intelectual, pero grazas á acción desinteresada da súa familia, Galiciana presenta en acceso público, durante o tempo que permaneza a exposición, dúas das súas obras máis significativas: a peza teatral ‘Agromar(1936) e o ensaio de investigación histórico e etnográfico ‘La artesanía en Galicia’ (1953). Ademais, Galiciana mostra unha selección das súas “Glosas”, publicadas no xornal ‘El Ideal Gallego’ entre 1924 e 1926.

‘Un faro na construción de Galicia’
No marco da programación conmemorativa das Letras Galegas promovida pola Xunta de Galicia, a exposición itinerante ‘Xosé Filgueira Valverde (1906-1996). Un faro na construción de Galicia’, organizada pola Consellería de Cultura en colaboración coa Deputación de Pontevedra, tamén se pode ver estes días na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés. Logo do seu paso pola Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal, a mostra poderá visitarse na cidade herculina ata o 30 de maio.

A mostra compóñena un total de oito paneis estruturados en dous bloques que percorren o traballo do intelectual na promoción da lingua galega e da cultura galegas, así como o seu papel na creación do Museo de Pontevedra e o seu labor docente no Instituto de Pontevedra. A instalación tamén recolle as súas facetas profesionais como polígrafo, escritor ou historiador, nun amplo retrato cronolóxico da súa biografía.

Nas próximas semanas e ata o mes de decembro, a Xunta de Galicia levará a mostra a Foz (Centro Cenima), Melide (Casa da Cultura), Boqueixón (Casa do Concello), Ponteceso (Fundación Eduardo Pondal), Lugo (Biblioteca Pública), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo), O Carballiño (Auditorio), Oleiros (A Fábrica), Ferrol (Centro Cultural Carballo Calero), Cee (Casa da Cultura) e Ourense (Biblioteca Pública). A Deputación de Pontevedra está a difundir esta mesma mostra por diversos concellos da provincia, que actualmente se atopa no Auditorio Municipal de Lalín, ata o 5 de xuño.

Un total de 22 localidades das catro provincias galegas albergarán este proxecto, que, ademais destas dúas versións itinerantes, conta cunha mostra ampliada que permanecerá ata final de ano no Museo de Pontevedra.

Comparte