Nova: O CGAC programa unha visita guiada á mostra de Manuel Vilariño e unha conferencia de Juana de Aizpuru

09/06/2015

O CGAC programa unha visita guiada á mostra de Manuel Vilariño e unha conferencia de Juana de Aizpuru

 A veterana galerista ofrecerá no ciclo 'Mentres sucede' un percorrido a través dos case 45 anos de existencia da súa galería

  • Unha das imaxes de 'Tectónica', de Manuel Vilariño

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2015- O Centro Galego de Arte Contemoránea (CGAC) programa esta semana unha nova cita no “Ciclo de Visitas guiadas por profesionais do ámbito artístico e cultural” coa participación de Alberto Ruiz de Samaniego, crítico, profesor é tamén o comisario da mostra Tectónica de Manuel Vilariño, que se exhibe agora no CGAC.

Hoxe martes, Ruiz de Samaniego ofrecerá a súa particular visión deste polifacético artista, que foi Premio Nacional de Fotografía no ano 2007 e representou a España na 52ª Bienal de Venecia. Tectónica é unha prospección inédita no mundo creativo e poético do autor pensada a partir de catro grandes vetas ou apartados temáticos e formais: a música, a poesía, a ciencia e a imaxe. A visita partirá da recepción do CGAC ás 19,00 horas e non é necesaria a cita previa.

Organizada pola Fundación Barrié en colaboración co CGAC, o mércores 10 ás 20,00 horas, a galerista Juana de Aizpuru impartira unha conferencia dentro do ciclo ‘Mentres sucede. Derivas do presente’ dirixido por María Luisa Sobrino Manzanares. O ciclo pretende ofrecer un retrato da complexidade da creación actual e recoller a voz de protagonistas e axentes de eidos como a historia e a teoría da arte, a arquitectura ou a experiencia artística.

Baixo o título As galerías como axentes dinamizadores do desenvolvemento da Arte, a veterana galerista ofrecerá un percorrido a través dos case 45 anos de existencia da súa galería, analizando a evolución da sociedade durante todo este tempo. Trátase dunha viaxe a través dunha xeografía persoal, das exposicións, especialmente dos artistas, e tamén dos retos e proxectos do presente, do coleccionismo e do mercado da arte.

Cómpre lembrar que Juana de Aizpuru ten unha ampla e traxectoria como galerista e foi artífice da posta en marcha de ARCO Madrid, a principal feira internacional de arte contemporánea en España.

Comparte