Nova: Celebración do Día dos Arquivos cunha mostra co fondo doado pola familia Vilariño Pintos á Cidade da Cultura

09/06/2015

Celebración do Día dos Arquivos cunha mostra co fondo doado pola familia Vilariño Pintos á Cidade da Cultura

A colección é a primeira doazón privada ao Arquivo de Galicia, e constitúe unha valiosa testemuña da vida cultural, social e política da Galicia dos séculos XIX e XX

A exposición, que poderá visitarse no Gaiás ata o 9 de setembro, enmárcase na ampla programación de actividades preparada pola Xunta para conmemorar a efeméride

Santiago, 9 de xuño de 2015.- A exposición ‘Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia’ foi a escollida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para celebrar o Día Internacional dos Arquivos. A mostra poderá visitarse no edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia na Cidade da Cultura, de luns a venres, ata o vindeiro 9 de setembro.

Segundo explicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a exposición é unha coidada selección da que é a primeira doazón privada ao Arquivo de Galicia –cabeceira do sistema–, a do fondo documental dos irmáns Vilariño Pintos. “Trátase dun arquivo familiar, rico e representativo da vida social de Galicia, en particular en Santiago de Compostela, como expresión do que son e foron as nosas familias”, dixo Anxo Lorenzo, sinalando que arquivos como o desta familia non só supoñen unha testemuña rica, “senón que ademais complementan os nosos arquivos públicos”.

Deste xeito, o secretario xeral convidou á cidadanía a visitar esta exposición e a celebrar o Día Internacional dos Arquivos participando no amplo catálogo de actividades organizadas polo seu departamento para esta conmemoración, e que se desenvolverán ao longo desta semana; incluíndo a xornada de portas abertas hoxe no Arquivo de Galicia.

No acto de apertura da exposición participaron tamén Daría Vilariño, en representación da familia.

Selección de documentos 
No marco dunha selección de 98 documentos, ‘Memorias de familia’ amosa 28 fotografías, cedidas expresamente pola familia para a ocasión, e un conxunto de obxectos persoais doados ao Museo do Pobo Galego (un frac, un bombín, unha capelina, unhas luvas, uns impertinentes, etc.). Así mesmo, a mostra conta recursos gráficos a reprodución dun plano de Santiago de 1909, pertencente ao fondo do Arquivo Municipal, custodiado no Arquivo Histórico Universitario, e reproducións de fotografías da cidade e dos edificios que foron sede das principais institucións relacionadas coa vida profesional e a actividade política dos membros da familia, procedentes do Museo do Pobo Galego. Entre elas destacan de forma especial, entre outras razóns por ser das máis antigas de Galicia, a copia, realizada por Carlos García a finais do século XIX, da fotografía do Pazo de Raxoi tomada por Andrés Cisneros en 1858, con motivo da visita da raíña Isabel II á cidade, ou a panorámica de Manuel Chicharro Bisi, realizada en torno a 1883. Desta forma, a escolla supón unha mostra representativa da vida familiar, social, política e cultural da Galicia dos séculos XIX e XX, contemplando tamén algúns documentos de datas anteriores.

A exposición divídese en tres partes, que diferencian o arquivo de documentos estritamente familiares, a que recolle a actividade profesional dos membros da familia, e a que reflicte a actividade política da época. Así nos mostradores da sección ‘Identidade. O grupo familiar’ poderanse contemplar tanto a árbore xenealóxica como a correspondencia entre os parentes e amizades, e a documentación referida á economía familiar: desde recibos ou facturas ata inventarios e escrituras de propiedade da terra que ofrecen un retrato da realidade da época.

As pegadas profesional e política
A sección dedicada á actividade profesional recolle diversos arquivos herdados polo matrimonio conformado por Eduardo Vilariño e Águeda de Andrés. Neles destaca o traballo desenvolvido por Eduardo Vilariño −que foi alcalde de Santiago de 1903 a 1905− na vida municipal e en institucións compostelás como a Universidade, a Escola de Artes e Oficios ou a Sociedade Económica de Amigos del País, entre outras. Conflúen tamén nesta parte da mostra documentos que testemuñan a carreira xudicial de Fernando de Lamas Rey, o cargo de bibliotecario da universidade de Manuel Villarino Varela, ou o exercicio de diversos cargos na Administración da Aduanas de Filipinas por parte de José de Andrés Moreno Curiel, administrador ademais das propiedades do marqués de Monroy.

Pola súa banda, a actividade política deixa a súa pegada na terceira sección da exposición, estreitamente vinculada ao período de Eduardo Vilariño no Concello de Santiago entre 1897 e 1905. Así mesmo, o activo papel do seu fillo, José Vilariño, tras as eleccións municipais á fin da Restauración (1931), permiten dar conta do cambio social e político cara á etapa republicana.

Día Internacional dos Arquivos
‘Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia’ forma parte da ampla programación preparada pola Consellería para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos, instituído pola UNESCO para conmemorar a creación do Consello Internacional dos Arquivos (ICA) un 9 de xuño de 1948. Coincidindo con estas data, os arquivos da Xunta de Galicia desenvolven ao longo desta semana actividades especiais que inclúen inauguracións de exposicións, xornadas de portas abertas ou presentacións de libros, co obxectivo de difundir e poñer en valor o patrimonio documental galego.

No Arquivo de Galicia, e ao abeiro da mostra inaugurada hoxe, o vindeiro venres 12 de xuño, ás 12:30 horas, celebrarase a conferencia ‘Os arquivos privados: salvar o patrimonio, fomentar a investigación’, na que Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, falará da importancia dos arquivos para o coñecemento do noso pasado. Completarán a programación do Arquivo de Galicia unha xornada de portas abertas o propio día 9, con visitas guiadas, previa inscrición.

No caso do Arquivo do Reino de Galicia, e tras a presentación onte do libro ‘A causa contra Manuel Blanco, O home lobo’, a actividades continuará hoxe con diversos obradoiros de documentos e arquivos, de papel e de encadernación, xunto con visitas ás instalacións do arquivo e á mostra dunha selección de documentos de interese.

Nos arquivos provinciais
Pola súa banda, os arquivos histórico provinciais de Lugo, de Ourense e de Pontevedra conmemoran este día con xornadas de portas abertas e visitas guiadas ao seu patrimonio documental e exposicións. Ademais, o da cidade do Lérez propón para o venres 12 de xuño, ás 19:00 horas, a conferencia ‘A industria conserveira galega: historia dun éxito industrial’, impartida por Xoán Carmona Badía, á que seguirá unha velada musical a cargo do violonchelista Luis Enrique Caballero Varona.

Completan esta programación conmemorativa do Día Internacional dos Arquivos as xornadas de portas abertas no Arquivo Central da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e nos arquivos territoriais da Xunta de Galicia en Lugo, en Pontevedra e en Vigo, con visitas guiadas, previa inscrición, para empregados públicos e persoas usuarias dos centros.

Comparte