Nova: Ponse en marcha o programa Firma e Filme para a adaptación audiovisual de obras da literatura galega
09/06/2015
Ponse en marcha o programa Firma e Filme para a adaptación audiovisual de obras da literatura galega
As empresas interesadas teñen ata o 18 de xuño para formalizar as súas solicitudes
Santiago, 9 de xuño 2015.- A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de poñer en marcha o programa ‘Firma e Filme’, que ten por obxectivo promover a adaptación audiovisual de obras da literatura galega. A iniciativa, que comeza cunha convocatoria dirixida á participación de empresas audiovisuais e editoriais, conta coa colaboración da Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes) e da AGE (Asociación Galega de Editores).
‘Firma e Filme’ nace para a posta en valor de dous eidos creativos da cultura galega, o das imaxes e o das letras, a través dun proxecto conxunto que contribúa a estudar as posibilidades de adaptación das obras literarias galegas ao noso audiovisual. Para isto, o primeiro paso é a compilación de información, tanto da oferta editorial como dos intereses e proxectos actuais demandados polas produtoras, para o que os interesados teñen de prazo ata o 18 de xuño para remitir ao enderezo audiovisual.agadic@xunta.es as fichas normalizadas que se poden descargar do web da Agadic.
As editoriais deberán cumprimentar unha solicitude por cada título proposto, susceptible de adaptación cinematográfica, indicando o xénero no que se insire entre un total de 14 preestablecidos; o grupo de público potencial ao que se dirixe (infantil, xuvenil, adulto ou familiar), e o formato proposto para a súa versión audiovisual: longametraxe ou curtametraxe (de ficción, documentais ou de animación), serie, TV-movie, experimental, proxecto multimedia, videoxogo, webserie etc.
Pola súa banda, as produtoras han de sinalar, no momento de se inscribir, o formato no que teñen interese en realizar as adaptacións, os xéneros preferentes (animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántica, suspense, terror, thriller, western...) e mais o grupo de espectadores ao que queren dirixirse.
Cos datos recibidos, iniciarase unha fase de análise e informe para intercambiar impresións entre as partes e cara á organización dunha axenda final de reunións bilaterais executivas, que se desenvolverán en Pontevedra no mes de decembro no marco de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais.