Nova: Brión, Dodro, Padrón, Ames e Oroso acollen as actividade de Os Bolechas na máquina do tempo
11/09/2015
Brión, Dodro, Padrón, Ames e Oroso acollen as actividade de Os Bolechas na máquina do tempo
FalaRedes chega ao ecuador da xira que está a levar a familia animada máis famosa de Galicia a 40 concellos da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia
Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2015.- Os concellos coruñeses de Brión, Dodro, Padrón, Ames e Oroso acollen cinco novas funcións da actividade ‘Os Bolechas, na máquina do tempo’, da man do programa ‘FalaRedes’ que a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria está a levar desde marzo aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia por cuarto ano consecutivo. A iniciativa tamén conta coa colaboración das deputacións provinciais da Coruña e de Pontevedra, en concellos da súa competencia territorial.
A proposta coa que a Secretaría Xeral de Política Lingüística quere dinamizar o uso do galego na xente miúda chega esta fin de semana ao ecuador da xira que está a levar a familia animada máis famosa de Galicia a 40 concellos. Ata finais de outubro, 20 concellos máis acollerán a actividade. Toda a información e o calendario de funcións pódense consultar no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.lingua.gal, nas redes sociais e na Axenda de Cultura de Galicia.
Os seis irmáns e o seu inseparable can, daranse cita esta mesma tarde coa rapazada de Brión, que poderá gozar dunha función ás 19:00 horas no Centro Social Polivalente. Mañá, sábado, Os Bolechas emprazarán por partida dobre a cativada, con funcións na Paxareira de Dodro, ás 12:00 horas, e no Auditorio Municipal de Padrón, ás 20:00 horas. As derradeiras citas da fin de semana acolleranas os concellos de Ames (na Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 12:30 horas) e Oroso (no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa, ás 18:00 horas). A entrada a todas as funcións é libre e de balde ata completar a capacidade das salas.
Unha nova aventura viaxando polo tempo
‘Os Bolechas na máquina do tempo’ é un espectáculo de monicreques manipulados por actores á vista no que se simulará unha aventura a través do tempo. Nela, os irmáns e o seu inseparable Chispa atoparan un aparello que os teletransportará ata o futuro converténdoos en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico turuleque dono da máquina- levaraos a coñecer diferentes etapas da historia nunha viaxe temporal onde os Bolechas terán que valerse da inestimable axuda do público para regresaren ao presente e á infancia. O enxeño e a habilidade do público serán claves para axudarlles aos Bolechas a regresar ao presente.
A actividade ten continuidade na aplicación web Os Bolechas na máquina do tempo, onde os cativos e cativas poden facer o seu propio diploma de viaxeiro no tempo e acceder a xogos e sorteos. Co aliciente de que os asistentes ao espectáculo coñecen en exclusiva unha palabra clave coa que poderán dobrar o premio do sorteo e acceder a dous lotes de libros dos Bolechas, no canto de un, en caso de resultaren premiados.
‘FalaRedes’
O programa de dinamización lingüística celebra a súa cuarta edición logo do éxito obtido nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que nel se integran buscan, ano a ano, o cumprimento dos obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia entre a infancia, a mocidade e a familia, enchendo o tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.
Ata finais de ano chegará aos concellos da RDL, iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua propia de Galicia desde as administracións local e autonómica e que conta na actualidade cunhas 170 entidades adscritas.