Nova: A Consellería de Cultura e Educación convida a descubrir os petróglifos de Mogor na xornada de clausura do ciclo Monumenta

05/07/2014

A Consellería de Cultura e Educación convida a descubrir os petróglifos de Mogor na xornada de clausura do ciclo Monumenta

Anxo Lorenzo participará esta tarde nun percorrido guiado pola paisaxe do Morrazo que terá como protagonista o xacemento sito no concello de Marín

Pola noite, o conxunto arqueolóxico tamén será o escenario dun concerto a cargo do Grupo de Música Tradicional da Agadic e dunha sesión para afondar nos gravados rupestres da man dun arqueólogo

 

  • petróglifos de Mogor

Marín, 5 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participará esta tarde na xornada de clausura do ciclo ‘Monumenta 2014’, que terá como escenario o conxunto arqueolóxico de Mogor, en Marín. Logo de percorrer as catro provincias galegas desde o pasado 7 de xuño para poñer en valor e dar a coñecer o patrimonio restaurado, ‘Monumenta’ despedirase no concello pontevedrés cun convite a afondar, a través de diversas iniciativas, no xacemento arqueolóxico de Mogor, un dos conxuntos máis destacados de Galicia polos seus gravados labirínticos.

Anxo Lorenzo participará na actividade de apertura da xornada, Andar con arte, un percorrido a pé, desde a serra ao mar, atravesando por Mogor e o seu xacemento arqueolóxico, e que estará guiado polo xeógrafo Juan López Bedoya. Canda este paseo, o alumnado CEIP Carballal dará a coñecer os seus traballos realizados arredor dos petrógiflos, nunha presentación que terá lugar no exterior do centro de interpretación.

A última sesión de ‘Monumenta’ continuará pola noite, ás 22 horas, cando o Grupo de Música Tradicional da Agadic ofrecerá un concerto entre sons naturais co que Carlos Rilo, Xosé Lois Romero, Carlos Taboada e Daniel Romero introducirán o público nas melodías tradicionais de Galicia. Finalmente, e como peche do programa Monumenta 2014, os asistentes terán a posibilidade de descubrir os petróglifos coas explicacións expertas do arqueólogo Santiago Vázquez Collazo.

Monumenta 2014
A xornada de hoxe ponlle fin á andaina desta segunda edición do programa ‘Monumenta’ que pecha cunha gran participación e que chega da man da Xunta de Galicia para conseguir unha maior implicación da propia cidadanía na conservación e aprecio dos seus bens patrimoniais.

Este ano, o ciclo Monumenta ofreceu máis de 30 actividades en monumentos galegos das catro provincias entre as que se incluíron obradoiros sobre restauración, paseos e visitas guiadas, concertos e faladoiros que permitiron achegarse, dun xeito lúdico e compartido, ás intervencións realizadas en diferentes bens culturais do territorio galego: igrexas, pazos, xacementos arqueolóxicos, mosteiros etc. Deste xeito, o obxectivo que se marcou o ciclo foi dar a coñecer o patrimonio cultural galego a través dunha programación diversa e de calidade, ao tempo que se facía partícipe a sociedade dos procesos de restauración e conservación.

Ademais, o ciclo incorporou unha programación pedagóxica co alumnado dos centros educativos das áreas nas que se atopaban os bens restaurados. O traballo previo nas aulas estivo directamente vinculado coas actividades levadas a cabo sobre o territorio e con elas buscouse educar, divulgar e concienciar as futuras xeracións en materia de patrimonio.

Comparte