Nova: O Museo das Peregrinacións e de Santiago comeza unhas xornadas de portas abertas para amosar o seu anovador programa expositivo
03/11/2015
O Museo das Peregrinacións e de Santiago comeza unhas xornadas de portas abertas para amosar o seu anovador programa expositivo
O novo programa expositivo pon de relevo a transmisión de valores como a tolerancia ou a interculturalidade a través dun fenómeno universal como é o da peregrinación xacobea
Santiago, 3 de novembro de 2015.- O Museo das Peregrinacións e de Santiago comeza este sábado e até o próximo 15 deste mes unhas xornadas de portas abertas durante as que se poderá visitar de balde a sede de Praterías de Peregrinacións. Os visitantes poderán comprobar o resultado dun proxecto museográfico que reforza e clarifica o discurso expositivo e a posta en valor das pezas amosadas neste centro de titularidade estatal e xestión autonómica.
Por outra banda, o director do Museo, Bieito Pérez Outeiriño, acompañará pasado mañá, día 5, ás 12 do mediodía, aos representantes de todos os medios de comunicación que o desexen nunha visita guiada ao novo proxecto museográfico da sede de Praterías de Peregrinacións. A cita será na entrada principal do museo. Todos os medios interesados en participar poden facelo enviando un correo co nome e DNI dos periodistas que acudan ao enderezo prensa.cultura.educacion@xunta.es.
O relato dunha historia milenaria
O novo programa expositivo, redactado polo equipo técnico do museo, pon de relevo a transmisión de valores como a tolerancia ou a interculturalidade a través dun discurso que, partindo do fenómeno universal das peregrinacións, mostra a relevancia da peregrinación xacobea e a súa incidencia na evolución da cidade compostelá.
A presentación dos contidos, confeccionada para resultar amena e interesante para un público diverso, estrutúrase en catro niveis de lectura para a comprensión dunha historia milenaria, que se desenvolve á marxe das barreiras políticas, das culturas e do tempo: tres grandes áreas temáticas que levan ao visitante do universal ao local e un epílogo.
Desde as distintas peregrinacións existentes en todas as latitudes, pasando polas peregrinacións cristiás e as tres grandes rutas: Santiago, Xerusalén e Roma, continuando pola historia, tradición e lenda xacobea, e rematando pola pegada histórica e evolución da urbe de Santiago, o museo ofrece un relato histórico, artístico e cultural extraordinario que permite comprender a peregrinación a través dos bens culturais relacionados con ela.
20 anos de Peregrinacións
Creado en 1951 como Museo de Santiago e das Peregrinacións, por iniciativa da Dirección Xeral de Belas Artes e o Municipio de Santiago, trátase dun museo de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia en 1995. Foi inaugurado de forma definitiva en febreiro de 1996 na súa sede da Casa Gótica.
A nova sede de Praterías, situada no edificio anteriormente ocupado polo Banco de España, en pleno casco histórico compostelá e ao lado da Catedral, foi rehabilitado polo arquitecto Manuel Gallego Jorreto e ofrece unha arquitectura actual adaptada ás necesidades dun museo do século XXI, que permite poñer en valor as colección atesourada e mostrala ao visitante nun novo discurso expositivo.
O museo amplía os seus espazos comprendendo a partir deste momento dúas sedes de acordo co establecido no seu Plan Museolóxico. Por unha banda, a Casa Gótica, que se define como sede administrativa e de xestión e, por outra, a sede de Praterías, como sede expositiva. Deste modo, o centro de Peregrinacións comeza unha nova etapa na súa traxectoria, un tempo no que impulsa o achegamento público ás coleccións histórico-artísticas empregando novos soportes.