Nova: Preto de 30 festivais e certames reciben axudas para programación escénica e musical de carácter afeccionado

12/11/2015

Preto de 30 festivais e certames reciben axudas para programación escénica e musical de carácter afeccionado

Castañazo Rock, Nigrán Jazz, a Semana de Teatro de Catoira, o Concurso de Gaitas de Ponteareas e Poio Escena, entre os proxectos beneficiarios desta liña de subvencións dotada con 50.000 euros

  • O festival Nigran Jazz, entre os beneficiarios destas axudas

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2015.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia un total de 30 festivais, feiras, mostras, ciclos e certames de artes escénicas e musicais de carácter afeccionado a través da liña de subvencións convocada este ano pola Secretaría Xeral de Cultura.

 

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución da concesión das axudas, que incrementaron a súa dotación económica un 20%, ao pasar de 40.000 euros en 2014 aos 50.000 euros da convocatoria deste ano. Dirixidas a institucións sen fin de lucro, entidades locais galegas e agrupacións de concellos, a liña de subvencións ten por obxecto financiar os gastos correntes derivados da realización desta programación cultural, así como os de difusión e publicidade en calquera soporte, alugamento de espazos, servizos e equipamentos técnicos, cachés dos grupos e compañías, así como os gastos de viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

 

Eventos escénicos e musicais de toda Galicia
Entre os proxectos beneficiarios no ámbito escénico inclúense iniciativas como a V Semana de Teatro Cómico Vila de Sarria, o Festival de Teatro Móvete, a XXX Semana do Teatro do Valadouro, Poio Escena 2015, o XXIX Festival Internacional de Danza da Asociación Sociocultural Falcatrueiros, a Semana de Teatro de Catoira, a IX Mostra de Teatro Xosé Agrelo e a XVI Mostra Internacional de Teatro Amador de Palas de Rei.

 

En canto á programación musical, o XXV Certame de Rondallas do Concello de Mugardos, a Mostra de Música Xove de Boiro 2015, o XLVIII Concurso de Gaitas de Ponteareas, o Nigrán Jazz 2015, o XVIII Filandón de Músicas do Caurel, o Castañazo Rock 2015, o II Encontro Troianos en Compostela, o XXII Festival de Bandas de Música de Silleda, o XXII Revoltallo de Música e Cultura Xuvenil e a XXII Mostra de Instrumentos de Música Tradicional son algúns dos proxectos que reciben apoio a través desta liña de subvencións.

 

A concesión da liña de subvencións establece axudas que van desde os 970 euros aos 2.274,85 euros para os concellos do Valadouro, de Sarria, de Mugardos, de Boiro, de Xunqueira de Ambía, de Ponteareas, de Poio, de Catoira, de Muros, de Nigrán e de Rois; para as asociacións culturais O Fiadeiro, Tres por Cuatro, Papaventos, Falcatrueiros, Arteficial, O Castañazo, Banda de Música de Silledad, Xuntanza Xuvenil, Felicia, Antigos Tunos Composteláns e de Gaiteiros Galegos, para a Banda de Gaitas do Caurel, para a Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea), para a Orde das Donas e Cabaleiros do Priorato de Vilar de Donas Os Lobos, para a Unión Musical Ponteledesma, para as fundacións Eduardo Pondal e Uxío Novoneyra, e mais a Agrupación Musical do Rosal, entidades promotoras das programacións subvencionadas. 

Xunto coa convocatoria desta liña de subvencións, a Secretaría Xeral de Cultura tamén vén apoiando a programación escénica e cultural de carácter afeccionado desenvolvida por entidades de referencia nestes ámbitos como a Federación Coral Galega (Fecoga), coa que asinou este ano un convenio de colaboración para a difusión da música coral a través de concertos, cursos de técnica vocal e de dirección, festivais de coros infantís e xuvenís e mais a XII Romaría Coral.

 

Apoio da Agadic a festivais profesionais
No ámbito profesional, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) subvencionou en 2015 nove festivais de artes escénicas –o FIOT de Carballo, o FITO de Ourense, a Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Galicreques de Santiago de Compostela, o Festival de Títeres de Redondela, o Alt de Vigo, Corpo(a)terra de Ourense e o Festiclown de Noia– e adxudicou 210.000 euros en axudas a festivais musicais, das que se beneficiaron Resurrection Fest, PortAmérica, Festival do Norte, Festival da Luz, Sinsal Son Estrella Galicia, Revenidas, Reperkusión, FIV, Nordestazo Rock, Festival de Jazz & Blues de Ribadeo, Festival de Jazz de Lugo e Festigal.

Comparte