Nova: Cultura e Educación promove durante o verán máis de 400 actividades culturais para os nenos e nenas de toda Galicia

07/07/2014

Cultura e Educación promove durante o verán máis de 400 actividades culturais para os nenos e nenas de toda Galicia

Obradoiros artísticos e de animación á lectura, concertos, espectáculos de teatro, maxia e novo circo, contacontos e talleres arredor do mar e da cartografía son algunhas das propostas que promove a Consellería durante os meses de xullo, agosto e setembro para o público infantil, xuvenil e familiar

  • Aurora. Tarde de Teatro e Circo

Santiago, 8 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece durante o verán máis de 400 actividades, unha completa programación cultural para as catro provincias galegas, coa que convida os máis novos a gozar da estación estival. Con este obxectivo, os departamentos dependentes da consellería que dirixe Xesús Vázquez Abad promoven diversas propostas para lles achegar a cultura aos nenos e nenas dun xeito lúdico. Obradoiros de animación á lectura, concertos, monicreques, mostras bibliográficas, espectáculos teatrais e de danza xunto con funcións de maxia e novo circo son algunhas das iniciativas que se inclúen na programación cultural da Consellería para os meses de xullo, agosto e setembro.

As bibliotecas nodais de Ourense, Lugo, Pontevedra, Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela reforzarán nas próximas semanas a súa programación habitual para os máis novos con preto de 150 actividades ao longo do verán, que inclúen obradoiros literarios, de expresión e improvisación teatral, de banda deseñada, sesións con teatro e danza, contacontos e mostras bibliográficas de diferentes temáticas.

Xunto con esta programación, que se pode consultar na páxina web rbgalicia.xunta.es, a Consellería, en colaboración cos concellos, leva aos centros da Rede de Bibliotecas de Galicia as actividades de dinamización da lectura de Ler conta moito, que continuará o seu percorrido por toda a comunidade durante o verán. De xullo a setembro, o programa da Secretaría Xeral de Cultura ofrecerá máis de 120 sesións para fomentar a lectura entre a cidadanía dun xeito lúdico que se realizarán en 47 concellos das catro provincias galegas. Ao abeiro de Ler conta moito, a Consellería convida os nenos e nenas, e a mocidade a participar en obradoiros creativos, actividades de narración oral, divulgación do coñecemento, proxeccións audiovisuais e actividades de dinamización con música, danza, teatro e maxia.

Xogos para descubrir os mapas
Ademais, a Biblioteca de Galicia, cabeceira da Rede de Bibliotecas de Galicia, programará diversas actividades, previa inscrición, para os rapaces e rapazas arredor da exposición sobre cartografía que acollerá do 14 de xullo ao 14 de setembro. O 17 de xullo, de 18 a 20 horas, terá lugar unha actividade sobre orientación e aventuras con GPS nos exteriores da Cidade da Cultura, para rapaces de 13 anos en diante. O 28 e 29 de xullo, tamén nos exteriores da Cidade da Cultura e á mesma hora, realizarase unha xincana e un xogo dramatizado a partir de mapas, cartas de navegación e planos, dirixido ao público infantil e familiar.

Xa no mes de setembro, a Biblioteca de Galicia convida os máis novos a participar nun obradoiro de sombras chinesas a cargo de Viravolta, do 1 ao 4 de setembro, en sesións diarias de 11:30 a 13:30 horas, para nenos e nenas a partir de 8 anos.

Cultura no Camiño e redes de distribución de espectáculos
A recta final da actividade escénica e musical do circuíto Cultura no Camiño, organizado conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais e Turismo de Galicia, así como a posta en marcha a partir do 9 de xullo do segundo semestre de programación anual das tres redes de distribución de espectáculos da Agadic –redes galegas de Teatros e Auditorios, de Salas e de Música ao Vivo–, achéganlle á programación cultural do verán un total 300 funcións a cargo de 160 compañías artísticas, que se desenvolverán ata finais de setembro en 94 localidades de toda Galicia.

O público galego e o visitante poderán gozar deste xeito durante este verán dun amplo abano de espectáculos feitos en Galicia e de todos os xéneros e estilos, que inclúen para os máis novos unha ampla oferta de actividades. En total, das 300 funcións, 117 están pensadas para que os espectadores de máis curta idade poidan gozar a través do novo circo, da maxia, da danza, da música e do teatro.

Tarde de Circo e Teatro!
O público infantil e familiar tamén é o destinatario da Tarde de Circo e Teatro! que programa a Secretaría Xeral de Cultura o vindeiro 19 de xullo no marco das Festas do Apóstolo en Santiago de Compostela. A programación inclúe, ás 18 horas, na praza das Praterías, o espectáculo ‘Caír’, da compañía Pista Catro. A continuación, ás 19:30 horas, o Salón Teatro acollerá ‘Aurora’, un espectáculo para nenos e nenas maiores de 3 anos no que Elefante Elegante mestura teatro e audiovisual.

Á descuberta dos segredos dos museos
O público máis novo tamén será protagonista na programación cultural promovida polos museos da Consellería de Cultura e Educación. No mes de xullo, o Museo de Belas Artes da Coruña organiza campamentos de verán nos que, durante catro mañás, rapaces de entre 5 e 12 anos, previa inscrición, se converterán en enxeñosos detectives á descuberta dos segredos da súa colección de arte. Armados con ferramentas de exploradores, os máis pequenos terán ocasión de percorrer as salas expositivas, de achegarse ás obras dun xeito lúdico e de realizar os seus propios traballos creativos.

O mar e o seu patrimonio tamén estarán presentes nestas actividades. O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, propón ata o 15 de setembro experiencias didácticas para todos os públicos, previa inscrición, con paseos guiados polo museo e visitas ao Centro Arqueolóxico do Areal Salinae, mentres que o Museo Massó, en Bueu, ten programados obradoiros infantís os xoves dos meses de xullo e agosto, ás 12 horas, para darlles a coñecer aos máis novos a importancia dos océanos no ecosistema e para descubrirlles, a través de xogos, a vida arredor do mar.

Arredor da arte rupestre, o Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro propón o 19 de xullo e o 1 de agosto, ás 20:30 horas, un contacontos ao carón da emblemática Laxe dos Carballos, que trasladará a grandes e pequenos á vida cotiá na Idade de Bronce dun xeito divertido e emocionante. Ademais, tamén organiza visitas teatralizadas a cargo de Os Quinquilláns e Volta e Dálle Teatro para que o público máis novo coñeza a historia dun xeito divertido a través das artes escénicas. Estas visitas terán lugar o 25 e o 26 de xullo, e o 2, 9 e 15 de agosto, ás 19 horas.

Talleres de lecer do CGAC
Finalmente, como cada verán, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) pon en marcha unha nova edición dos talleres de lecer que terá lugar en xullo e agosto, de 11 a 13 horas, previa inscrición. As actividades deste ano propoñen un achegamento ás diferentes manifestacións artísticas contemporáneas baseado na experimentación.

O arquitecto Fermín Blanco impartirá, do 21 ao 24 de xullo, o taller ‘2 en 1’ onde os rapaces e rapazas de 9 a 12 anos poderán explorar as características arquitectónicas, a historia e os recunchos do CGAC e do Museo do Pobo Galego. Os nenos e nenas de 7 a 9 coñecerán, do 29 de xullo ao 1 de agosto, a través da proposta ‘Claqueta 1’, os aspectos básicos da produción da animación, mentres que os máis pequenos (de 4 a 6 anos) visitarán, do 5 ao 8 de agosto, as salas do museo para experimentar con diferentes texturas e volumes no taller ‘Pequenos artistas no CGAC’.

A programación cultural da Consellería dirixida ao público máis novo complétase coas actividades da Cidade da Cultura de Galicia, que se poden consultar en cidadedacultura.org e que inclúen propostas como o festival familiar Cidade Imaxinaria.

Comparte