Nova: Apertura na Fundación Barrié da primeira mostra retrospectiva sobre o arquitecto Manuel Gallego Jorreto

18/11/2015

Apertura na Fundación Barrié da primeira mostra retrospectiva sobre o arquitecto Manuel Gallego Jorreto

Ata o mes de abril, acolle unha exposición ao redor da obra do que fora Premio Nacional de Arquitectura en 1997

Santiago, 18 de novembro de 2015.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na apertura da mostra ‘Manuel Gallego. Arquitectura 1969-2015’, onde salientou a importancia da pegada do que fora Premio Nacional en 1997 na arquitectura do noso tempo, tanto a nivel galego como internacional. Neste sentido, sinalou a súa entrega profesional, así como a súa capacidade de adaptar a súa obra ás institucións ou persoas ás que vai dirixida.

O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia destacou tamén a preocupación de Manuel Gallego Jorreto polo papel social da arquitectura como ferramenta para crear un lugar para usar e vivir. Tamén o labor desenvolvido para converter edificios senlleiros do patrimonio cultural galego en novas sedes de edificios públicos. Non en balde, cómpre lembrar que o arquitecto é autor do redeseño do Museo das Peregrinacións, así como do Centro Cultural de Ourense, ou do Complexo Presidencial da Xunta. Así mesmo, recibiu importantes distincións polo deseño do Museo de Belas Artes, na Coruña.

No acto de apertura estiveron presentes, ademais do conselleiro, o presidente da Fundación Barrié, José María Arias Mosquera; e polo propio Manuel Gallego Jorreto.

Difundir o patrimonio
A este respecto Román Rodríguez fixo fincapé na necesidade de preservar, conservar e difundir o noso patrimonio cultural; con liñas de actuación nas que o seu departamento traballa a través do proxecto de Lei do Patrimonio Cultural de Galicia – que continuará agora o seu trámite parlamentario, tras ser aprobado polo Consello da Xunta- ou de iniciativas como a creación da materia de libre configuración denominada ‘Patrimonio e Sustentabilidade’, que xa cursan máis de 600 alumnas e alumnos de 1º de ESO.

O conselleiro valorou tamén o papel didáctico da mostra, que conta cun amplo programa educativo gratuíto arredor da obra de Manuel Gallego con campamentos de Nadal, obradoiros para familias e escolares, visitas guiadas e un ciclo de conferencias.

Unha mostra didáctica
Comisariada polo propio Gallego Jorreto e deseñada polo arquitecto Pablo Picard a exposición permanecerá aberta na sede da Coruña da Fundación Barrié ata o 10 de abril de 2016. Nela poden contemplarse máis de 400 fotografías e 24 planos de gran formato, principalmente vencellados a 22 proxectos, dos que 16 están exemplificados con cadansúa maqueta.

Este material acompáñase da proxección de dous vídeos, ‘Polo territorio da arquitectura con Manuel Gallego’ e ‘Mestres da Arquitectura, Fundación Arquia’, producidos nos anos 2006 e 2015, respectivamente. Así mesmo, organízase un amplo programa de visitas e actividades para todos os públicos, na procura dun claro cariz didáctico para a mostra.

A exposición divídese en dúas plantas, correspondentes a dous grandes apartados temáticos. No primeiro deles, ‘Arquitectura e a vida’, amósanse os proxectos residenciais máis significativos que o autor realizou ao inicio da súa carreira; mentres que a segunda, ‘Arquitectura dos espazos de uso colectivos’, se centra no traballo de deseño de edificios públicos realizado a partires de 1979.

Manuel Gallego
Nado no Carballiño en 1936, Manuel Gallego Jorreto desenvolveu a súa traxectoria profesional dentro e fóra de Galicia, impartindo cursos e relatorios en centros e universidades de España e do estranxeiro. Exerceu, ademais, como xurado en concursos nacionais e internacionais e veu publicado o seu traballo en numerosas monografías e en publicacións periódicas.

Desde os anos 90, o seu labor ten sido recoñecido con galardóns como a Medalla Castelao (1996), o Premio da Crítica para as Artes e as Ciencias (1997), o Premio Nacional de Arquitectura (1997), ou a Medalla de Ouro da Arquitectura do Consello Superior dos Colexios de Arquitectos de España (CSCAE) (2011), entre outros.

Comparte