Nova: A Axenda de Cultura de Galicia xa se pode consultar en calquera momento e lugar cunha aplicación para smartphone ou tableta

30/11/2015

A Axenda de Cultura de Galicia xa se pode consultar en calquera momento e lugar cunha aplicación para smartphone ou tableta

Permite consultar os eventos culturais galegos por data, lugar, tipoloxía e proximidade

Está dispoñible en galego e castelán para IOS e Android e suma a número 19 das aplicacións móbiles da Administración autonómica

Santiago, 28 de novembro de 2015.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaban de publicar unha nova aplicación que permite consultar os eventos da Axenda de Cultura de Galicia en calquera momento e lugar desde un smartphone ou tableta. Esta nova ferramenta, que ofrece todas as actividades culturais que se publican na axenda do portal Cultura.gal, está xa dispoñible en galego e castelán para dispositivos con sistema operativo iOS e Android. 

Descarga a aplicación para Android

Descarga a aplicación para iOS

Funcionalidades
Os usuarios e usuarias que descarguen esta aplicación poderán consultar a actividade cultural que se vén programando nas catro provincias galegas realizando buscas por data, lugar, tipoloxía e proximidade xeográfica. Ademais, os eventos están xeolocalizados para facilitar a información de acceso aos espazos nos que teñen lugar.

A aplicación permite, tamén, gardar as últimas buscas realizadas, filtrar os eventos por tipo de acceso e público ao que van dirixidos e marcar como favoritos os actos de interese e gardalos no calendario.

Dezanove apps da Xunta de Galicia
Esta axenda cultural, coa que o Goberno autonómico contribúe á divulgación da actividade cultural galega, fai a número dezanove das aplicacións móbiles lanzadas pola Administración autonómica nos últimos catro anos para diferentes sistemas operativos: Android, iOS, Windows Phone e Blackberry. Está dispoñible no espazo ‘Xunta’, onde se publican o resto de aplicacións do sector público galego nos dispositivos móbiles, baixo a coordinación da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O catálogo de aplicacións móbiles da Xunta de Galicia inclúe servizos para demandantes de emprego (Mobem), para o ámbito educativo (abalarMóbil), para a mocidade (Carné Xove), relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute), coa pesca (Non piques-Non peques) e co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus).

Identificadas nun espazo único
En maio de 2013 o Consello da Xunta acordou que a publicación das aplicacións creadas por calquera organismo da Administración xeral nas plataformas Android e IOS se realizase baixo a denominación única de “Xunta de Galicia”, facilitándolle á cidadanía a súa identificación e contribuíndo a aumentar a confianza de quen as usa, ao actuar a Administración autonómica como garante da fiabilidade e da súa actualización. A raíz desta medida e para difundir cales son as aplicación móbiles dispoñibles creouse un novo espazo web no portal corporativo, http://www.xunta.es/aplicacions-mobiles, onde se poden consultar as aplicacións rexistradas.

Comparte