Nova: Pesar polo pasamento de Xosé Neira Vilas, referente único do orgullo e da identidade galega

27/11/2015

Pesar polo pasamento de Xosé Neira Vilas, referente único do orgullo e da identidade galega

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu o pésame á familia en nome de todos os galegos e estará mañá na parroquia natal do escritor, en Gres, Vila de Cruces

Santiago, 27 de novembro de 2015.- A Xunta de Galicia lamenta o pasamento esta mañá do escritor Xosé Neira Vilas, referente único do orgullo e da identidade galega e símbolo, a través do seu ‘neno Balbino’, de varias xeracións. A figura do intelectual quedará honrada na historia da nosa Comunidade a través da súa obra, así como dos recoñecementos recibidos en vida, entre os que cómpre destacar a Medalla de Ouro de Galicia que lle foi outorgada este mesmo ano.

Neste sentido, tamén cómpre lembrar que o pasado ano 2014 recibiu o Premio da Cultura Galega, ademais de ser recoñecido coa Medalla Castelao, o Pedrón de Honra e os premios Celanova Casa dos Poetas, Otero Pedrayo, da Crítica Galega (ensaio) e da Crítica Española (narrativa), entre outros.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu esta mañá o pésame á familia en nome de todos os galegos, e igualmente farao mañá persoalmente na parroquia natal do escritor en Gres, no concello de Vila de Cruces. O mandatario autonómico destacou de Neira Vilas a “franqueza da súa obra e a bondade da súa persoa” e engadiu que “o pai de Balbino é un home do que todos nós herdamos unha Galicia mellor, máis libre e orgullosa de si mesma”.

Promoción e difusión da cultura galega
Membro numerario da Real Academia Galega e Doutor honoris causa polas universidades da Coruña e da Habana, Neira Vilas mantivo unha intensa actividade cultural e intelectual ata o seu pasamento. A súa extensa traxectoria déixanos en herdanza, ademais de ‘Memorias dun neno labrego’, máis de 70 obras, tanto de autoría propia coma traducións.

Nado en Gres (Vila de Cruces) o 2 de novembro de 1928, a traxectoria vital de Neira Vilas representa a dos galegos e galegas que emigraron a Arxentina na metade do século pasado para seguiren, desde a chamada ‘quinta provincia galega’, facendo medrar a nosa cultura. No seu retorno a Galicia, converteuse nun dos autores vivos máis activos e presentes, tanto a nivel literario como xornalístico, xunto coa súa dona, a escritora galego-cubana xa falecida Anisia Miranda.

Desde a Fundación Neira Vilas desenvolveron, ambos os dous, un importante labor de promoción e difusión das letras galegas, coa creación dun centro cultural, unha biblioteca e un museo etnográfico, espazos desde os que se realiza un gran traballo de dinamización cultural.

Un neno labrego na escola
Mención á parte merece o labor didáctico desenvolvido polo autor pontevedrés, levando a súa obra e a nosa lingua por boa parte dos centros educativos de Galicia. Non en balde, ‘Memorias dun neno labrego’ é unha lectura fundamental no ensino de primaria, un exemplo da dignidade do rural galego imprescindible para educar os máis novos no amor á nosa terra e á nosa identidade.

En paralelo, e ao abeiro da fundación, Neira Vilas e Anisia Miranda crearon os premios Estornela e Arume, de teatro e poesía para nenos.

Comparte