Nova: Galicia Profilme achégalles as claves das axudas europeas MEDIA aos profesionais do sector dos videoxogos

02/12/2015

Galicia Profilme achégalles as claves das axudas europeas MEDIA aos profesionais do sector dos videoxogos

A sesión centrouse nas bases da convocatoria específica para o desenvolvemento deste tipo de produtos, así como nas posibilidades do micromecenado

A Agadic e a Oficina MEDIA España organizaron esta nova xornada informativa, que tivo lugar esta tarde na Cidade da Cultura de Galicia coa participación de Jacobo Sutil, Peter Andermatt e Fernando Prieto

Santiago, 2 de decembro de 2015.- O sector dos videoxogos centrou esta tarde unha sesión informativa sobre as axudas do subprograma MEDIA de Europa Creativa, organizada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) como parte do seu plan formativo Galicia ProFilme e en colaboración coa Oficina MEDIA España, así como do Clúster Audiovisual Galego (Clag). O encontro, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia, estivo centrado na análise das bases relativas á convocatoria específica para o desenvolvemento de videoxogos, así como nas posibilidades do micromecenado ou ‘crowdfunding’ á hora de realizar este tipo de produtos.

Contouse para tal fin con Peter Andermatt, director da Oficina MEDIA España, e con Fernando Prieto, socio de Gato Salvaje Studio, que lles foron presentados aos profesionais asistentes por Jacobo Sutil, director da Agadic.

Na súa intervención, Sutil constatou o incremento da presenza de creadores, deseñadores e desenvolvedores galegos de videoxogos, que exercen a súa profesión tanto desde a nosa Comunidade como incorporados a compañías de ámbito nacional e mesmo internacional. O director da Agadic expresou que, aínda que o sector se concentra maioritariamente en Madrid, Barcelona, Valencia, Andalucía e País Vasco, Galicia está a incrementar o seu peso nesta panorámica.

Produto cultural transversal
Subliñou, así mesmo, a potencialidade que supón o videoxogo como un produto cultural transversal que se serve do traballo audiovisual, musical, interpretativo etc., polo que o seu avance incide na dinamización do conxunto da industria cultural e dixital.

Peter Andermantt, pola súa banda, afondou nas bases legais das axudas MEDIA para o desenvolvemento de videoxogos, a través das que as compañías do sector poden optar a unha subvención máxima de 150.000 euros por proxecto. Ademais, o director da Oficina MEDIA España facilitoulles aos asistentes información práctica para a presentación dos proxectos a esta convocatoria.

Nesta nova sesión informativa MEDIA tamén se analizaron posibilidades que ofrece o micromecenado ou ‘crowdfunding’ para o desenvolvemento deste tipo de produtos. Neste sentido, Fernando Prieto explicou a súa experiencia como socio do estudio independente Gato Salvaje que, coa súa aventura gráfica ‘AR-K’, se converteu na primeira compañía galega con presenza en Steam, plataforma internacional de distribución de videoxogos con máis de 80 millóns de usuarios en todo o mundo.

Programa de formación continua
Este foi o quinto encontro do ano dentro de Galicia ProFilme, programa promovido desde 2013 pola Agadic co obxectivo de ampliar as posibilidades de formación continua dos profesionais da industria audiovisual galega. No marco desta iniciativa, en 2015 organizouse un encontro dos produtores galegos co director do Festival Internacional de Cine de San Sebastián, José Luis Rebordinos; dúas sesións sobre os novos modelos de distribución audiovisual, en colaboración co festival Curtocircuíto; e outras dúas xornadas informativas MEDIA centradas nas modalidades de axuda ‘Single Project Funding’ e de desenvolvemento de proxectos e distribución para televisión. Ademais, desde o pasado mes de xullo, a Agadic forma parte do padroado da fundación Oficina MEDIA España, dedicada á difusión das posibilidades de financiamento europeo e á captación de fondos deste subprograma de Europa Creativa para os proxectos audiovisuais españois.

Comparte