Nova: Entregados os premios de microrrelatos da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, dependente da Consellería de Cultura e Educación

28/06/2014

Entregados os premios de microrrelatos da Fundación Pública Galega Camilo José Cela, dependente da Consellería de Cultura e Educación

Nesta III edición coincidente co 30 aniversario da concesión do Premio Nacional de Narrativa ao escritor de Iria Flavia, presentáronse mais de 960 orixinais de temática libre que comezaron co principio da obra Mazurca para dos muertos

Santiago, 28 de xuño de 2014.- A Fundación Pública Galega Camilo José Cela, en colaboración con El Corte Inglés, fixo entrega hoxe dos III galardóns aos mellores microrrelatos, no devandito centro comercial de Santiago. Nesta convocatoria presentáronse 960 microrrelatos procedentes da maioría das comunidades autónomas españolas, ademais de varios países estranxeiros, dos cales 847 foron na categoría de adultos, 90 en xuvenil e 23 en infantil. Por outra banda a páxina web do concurso recibiu un total de 1.039.849.

Establecéronse tres premios e unha mención especial do público por cada unha das categorías, sendo estas, infantil, xuvenil e adulta. O xurado estivo composto polos xornalistas, Luís Pousa e Camilo Franco; e a escritora Iolanda Zúñiga.

Este ano co gallo do trixésimo aniversario da concesión a Camilo José Cela do Premio Nacional de Narrativa pola súa novela Mazurca para dos muertos os traballos de temática libre que se presentaron comezaron co principio da novela polo que foi premiado o escritor padronés: “Llueve mansamente y sin parar, llueve sin ganas pero con una infinita paciencia, como toda la vida...”.

Gañadores

Os gañadores deste ano foron, na categoría infantil, El abuelo, de Paula González Cascales que se alzou co primeiro premio; Llueven historias de Emilio Pulido Fraiz, que se fixo co segundo; mentres que Sergio Belloso Zazo, quedou de terceiro con Mi hermana y yo.

No rango xuvenil resultou gañador do primeiro premio o microrrelato La mejor opción de Juan Pablo Gómez Loaiza; en segunda posición quedou Lidia Cambón Cancio, con Un suceso inesperado; mentres que Urna de emociones de Anjali Kristina Mendoza Camacho, alzouse co terceiro.

No grupo de adultos recibiu o primeiro premio Tomás Villachica Gayo por Atico; na segunda posición quedou José Ángel Casas Barrigón con La mansa traición del agua; e Carlos Robledo García, resultou agraciado co terceiro con El soldado.

Por outra banda a mención especial do público recaeu na modalidade para adultos en Rosalía Macías Tarrio, con Todo tiene su fin; no rango xuvenil o premio foi para Celia Pérez por La espera; mentres que no apartado infantil a mención foi para Mario Borjas Braojos por La vida de Ale.

Os gañadores de cada categoría recibiron como premio un e-book cortesía de El Corte Inglés, un diploma acreditativo e un lote de produtos do Museo da Fundación de Iria Flavia. Ademais a Fundación fai a publicación dos microrrelatos galardoados.

Comparte