Nova: As bibliotecas e librarías de Galicia celebran o Día da Edición co novo Calendario do libro e da lectura
17/12/2015
As bibliotecas e librarías de Galicia celebran o Día da Edición co novo Calendario do libro e da lectura
O centenario das Irmandades da Fala, o 130º aniversario de ‘Queixumes dos pinos’ e de Cuevillas, as Letras Galegas, os días da Poesía e da Ilustración, e o nacemento de Rosalía de Castro son algunhas das celebracións que se promoven para o 2016
Cultura distribúe este material para animar a realizar actividades arredor das principais datas e efemérides vinculadas co libro e a literatura para o vindeiro ano
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2015.- O centenario das Irmandades da Fala, o 130º aniversario de ‘Queixumes dos pinos’ e de Florentino López Cuevillas, os días das Letras Galegas, da Ilustración, da Poesía e do Teatro, o nacemento de Rosalía de Castro e os centenarios de Borobó e de Lorenzo Varela son algunhas das celebracións que promove o Calendario do libro e da lectura 2016, que chega ás librarías e bibliotecas públicas galegas coincidindo co Día da Edición.
No marco desta data, que se celebra o 17 de decembro, día do nacemento de Ánxel Casal, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Cultura, distribuíu nas librarías e nas bibliotecas públicas galegas este material para animar a realizar actividades arredor das principais datas e efemérides vinculadas co libro e a literatura galega.
Os usuarios/as das bibliotecas, protagonistas en xaneiro
Os centros bibliotecarios, que celebran o Día do Usuario/a das Bibliotecas o 11 de xaneiro, comparten protagonismo no primeiro mes do ano coas artes plásticas, coa conmemoración do Día da Ilustración o 30 de xaneiro, data do nacemento de Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Ese mes, o día 12, tamén se celebra o centenario do nacemento do escritor Miguel González Garcés, que lle dá nome á biblioteca pública de xestión autonómica da cidade da Coruña.
Logo da celebración do Día da Lingua Materna e do nacemento de Rosalía de Castro, o 21 e o 24 de febreiro, respectivamente, no mes de marzo o calendario incorpora a Semana da Prensa (dos días 9 ao 13), e os días da Narración Oral (20), da Poesía (21) e do Teatro (27). A apertura do mes de abril chega coa celebración do Día das Artes (1), que en 2016 se lle dedica a Castelao, mentres que o 2 e o 24 se conmemora o Día do Libro Infantil e Xuvenil e o Día do Libro, respectivamente.
Centenario das Irmandades da Fala
O mes das Letras, que ten como protagonista o vindeiro ano a Manuel María –poeta ao que a Real Academia Galega lle dedica o 17 de maio– tamén traerá outra das principais celebracións culturais de 2016, o centenario da fundación das Irmandades da Fala, promotoras de moitas das aspiracións de Galicia do século XX no aspecto lingüístico, cultural e político. Ademais, maio será o mes da Feira Internacional do Libro de Buenos Aires, que o próximo ano terá como cidade convidada a Santiago de Compostela; o centenario de Camilo José Cela, o día 11; e o Día da Sociedade da Información e das Telecomunicacións (17).
Logo do Día dos Arquivos, o 9 de xuño, e xa no verán, o calendario promove a celebración do centenario de dúas figuras destacadas das letras galegas: o escritor e xornalista Raimundo García Domínguez ‘Borobó’, do que se cumpren 100 anos do nacemento o 10 de xullo, e do tamén escritor e poeta galego Xesús Lorenzo Varela, nado o 10 de agosto.
Aniversarios de ‘Queixumes dos pinos’ e de Cuevillas
O Día Europeo das Linguas e o Día da Tradución, o 26 e o 30 de setembro; o Día das Bibliotecas, o 24 de outubro, e o 150º aniversario do nacemento do dramaturgo Ramón María del Valle-Inclán, o 28 dese mes, son outras das datas do calendario, que en novembro, xunto co Mes da Ciencia en galego e o Día das Librarías (25), difunde o 130º aniversario de ‘Queixumes dos pinos’, de Eduardo Pondal (12), e do nacemento de Florentino López Cuevillas (14).
Ánxel Casal, na programación das bibliotecas
O Calendario do libro e da lectura pecha 2016 co Día da Edición, o 17 de decembro, data do nacemento de Ánxel Casal. Este ano, as bibliotecas de xestión autonómica programan diversas actividades para convidar a cidadanía a conmemorar esta data e a recuperar a figura e o labor do editor, como as mostras bibliográficas que se poden ver ata o vindeiro día 31 de decembro na biblioteca pública de Santiago que leva o seu nome ou a exposición sobre a edición en galego que programa a Biblioteca Miguel González Garcés da Coruña a o próximo 2 de xaneiro.
A Secretaría Xeral de Cultura tamén distribuíu o calendario entre diferentes entidades e colectivos culturais galegos, como a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), o Centro PEN Galicia, a Asociación Galega de Editores (AGE), A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil Gálix, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI), o Consello da Cultura e a Real Academia Galega, xunto coas universidades.