Nova: Evasión e Non teño espello no baño gañan o IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

22/12/2015

Evasión e Non teño espello no baño gañan o IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Clara Gayo e Avelina Pérez son, respectivamente, as autoras das obras distinguidas neste certame promovido pola Radio Galega co apoio da Consellería de Cultura e Educación

  • Anxo Lorenzo cos premiados Anxo Lorenzo cos premiados

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015.- O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou na entrega do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico a necesidade de seguir impulsando os procesos creativos. A novena edición deste certame culminou esta tarde cun programa especial do Diario Cultural, no que o titular de Cultura recordou a dificultade do ámbito teatral para xerar novos textos e propostas, e o interese de certames como o Diario Cultural de Teatro Radiofónico para favorecer estes procesos creativos.

Neste sentido, fixo referencia ás achegas coas que vén contribuíndo esta iniciativa co teatro galego a través de obras como ‘Evasión’, de Clara Gayo, e ‘Non teño espello no baño’, de Avelina Pérez, que resultaron gañadoras este ano do premio do xurado e da audiencia, respectivamente.

As dúas autoras, a directora da Radio Galega, Rosa Martínez; o crítico de teatro Camilo Franco, que formou parte do xurado; e o actor e director da compañía Il Maquinario Teatro, Tito Asorey, que dirixiu a adaptación radiofónica das obras gañadoras deste ano, tamén participaron hoxe no programa da Radio Galega que dirixe Ana Romaní.

O xurado do IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico estivo formado por Tito Asorey, por Camilo Franco, por César Carracedo, gañador da edición anterior; pola coordinadora de actividades culturais da Agadic, María Paredes; por Gloria Ferreiro, xefa de Programas da Radio Galega; e por Ana Romaní, directora do Diario Cultural.

Risco e indagación da dimensión dramática do son
Da obra ‘Evasión’, o xurado valorou o risco e o esforzo na indagación da dimensión dramática do son e da linguaxe radiofónica, así como a contraposición de planos entre o cotián e o aprendido das relacións facendo uso dunha linguaxe contemporánea nunha escrita que contempla toda a estrutura sonora da obra. A adaptación radiofónica da peza, con dirección de Tito Asorey, foi interpretada por Melania Cruz, Fernando González, Antonio Durán Morris, Mela Casal e Covadonga Berdiñas, e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.

‘Non teño espello no baño’, con dirección de Tito Asorey, foi interpretada por Melania Cruz, Antonio Durán Morris e Covadonga Berdiñas e contou coa realización técnica e deseño sonoro de Chus Silva.

As autoras
A autora de Evasión, Clara Gayo, é actriz, directora e dramaturga vinculada ao teatro social e autora das obras ‘Razóns de peso’ e ‘Movidas’, publicadas en Estaleiro editora. A autora de ‘Non teño espello no baño’, Avelina Pérez, está vinculada ao teatro social, é dramaturga, directora e actriz de teatro.

Fomentar a escrita de textos dramáticos para radio
Á novena edición do Premio de Teatro Radiofónico -organizado pola Radio Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, que patrocina o certame- presentáronse un total de 59 obras. O galardón pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre a dramaturxia contemporánea e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega e contribuír á recuperación desde unha perspectiva contemporánea do xénero de teatro radiofónico.
 

Comparte