Nova: Dispoñibles modelos de carta para axudarlles aos Reis Magos a responder en galego as peticións dos cativos

21/12/2015

Dispoñibles modelos de carta para axudarlles aos Reis Magos a responder en galego as peticións dos cativos

Pais e nais poderán axudarlles ás Súas Maxestades na confección das misivas a través de www.lingua.gal

Este recurso dixital enmárcase na programación de actividades do programa ´Nadal en Rede’ que se estrea mañá
 

  • Modelos de carta para axudar aos Reis Magos a responder en galego as peticións dos cativos Modelos de carta para axudar aos Reis Magos a responder en galego as peticións dos cativos
  • Modelos de carta para axudar aos Reis Magos a responder en galego as peticións dos cativos Modelos de carta para axudar aos Reis Magos a responder en galego as peticións dos cativos
  • Valentín García na presentación do recurso dixital Valentín García na presentación do recurso dixital
  • Valentín García na presentación do recurso dixital Valentín García na presentación do recurso dixital
  • Valentín García na presentación do recurso dixital Valentín García na presentación do recurso dixital

Santiago, 21 de decembro de 2015.- A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Rede de Dinamización Lingüística veñen de confeccionar unha ferramenta informática para que pais, nais e os servizos de normalización dos concellos poidan axudar os Reis Magos a elaboraren, dun xeito doado, unha carta para responder en galego ás peticións que reciben dos máis cativos.

Este luns, o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, e un dos responsables da empresa de servizos informáticos Balidea, Óscar Vázquez, presentaron este recurso dixital que estará dispoñible no Portal da Lingua Galega www.lingua.gal.

Valentín García salientou “a utilidade deste recurso para que, dende as primeiras idades, os nenos e nenas galegos perciban a importancia da lingua propia de Galicia, que é a que usan Melchor, Gaspar e Baltasar –unhas persoas tan relevantes para eles- nas súas respostas e a que mesmo os tres sabios animan a empregar”. O secretario xeral sinalou tamén que esta sinxela ferramenta facilitará o traballo, non só das Súas Maxestades, senón tamén dos pais e nais e mais o daqueles servizos de normalización que se encargan de responder, no nome dos Reis, as misivas dos nenos.

De feito, serán os adultos quen teñan que botarlle unha man a Melchor, Gaspar e Baltasar introducindo algúns datos nunha sinxela aplicación informática que a Secretaría Xeral de Política Lingüística preparou para os tres magos de Oriente. Cos datos achegados, xerarase unha carta de resposta dos Reis Magos en dobre modalidade: imprimible, para que cada cativo a reciba na súa caixa do correo, ou virtual, se é o correo electrónico o medio elixido polas Súas Maxestades.

Recursos tamén na rede
Canda o recurso para a resposta en galego dos Reis Magos, a xente miúda segue a ter á súa disposición un modelo de carta para enviarlle a Melchor, Gaspar e Baltasar desde www.lingua.gal Tamén desde o Portal da Lingua Galega o resto da familia terá a oportunidade de felicitarlles as festas aos seus amigos e parentes grazas ás postais electrónicas dispoñibles.

Por último, e para facerlles mais doado o traballo nas cabalgatas ás Súas Maxestades, todos os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) disporán de cadanseu exemplar de ‘O libro dos Reis Magos’, tamén accesible para o público en xeral desde: www.lingua.gal.

Estrea de ‘Nadal en Rede’
Ademais destes recursos dixitais aos que se pode acceder para a súa descarga de balde desde calquera punto de Galicia, ‘Nadal en Rede’ inclúe unha ampla oferta de actividades de dinamización lingüística.

Durante as dúas semanas de Nadal, haberá tres actividades de dinamización percorrendo as catro provincias. Dunha banda, ‘Cantos Contos no Nadal’, protagonizado polo músico Pablo Diaz, que é un cantacontos participativo para familias con nenos de 2 a 5 anos de idade e que ten a música como fío condutor. O espectáculo estréase mañá martes 22 en Boimorto (ás 11:00 horas, no PAI –Punto de Atención á Infancia-) e en Sobrado dos Monxes (ás 17:30 horas, na Casa da Irmandade-Edificio de Usos Múltiples).

A segunda actividade titúlase ‘A cantar con... A Gramola Gominola’, que, baseada nunha morea de estilos musicais, fará bailar especialmente os maiores de 4 anos de idade. Bota a andar este martes 22 en Dumbría (ás 17:00 horas, na Casa da Cultura de Olveira).

Pero como mozos e adultos tamén celebran o Nadal, coa terceira das propostas chegará o televisivo Isi con esta actividade que fará escachar coa risa os asistentes: ‘ISIstorias de Nadal’. Estréase este martes 22, e faino no concello de Melón (ás 18:00 horas, no Multiusos).

Toda a información sobre o ‘Nadal en Rede’, no portal da lingua galega: www.lingua.gal.

 

Comparte