Nova: A Consellería de Cultura e Educación leva a nova sesión do ciclo de música contemporánea ao Museo do Mar de Galicia
25/06/2014
A Consellería de Cultura e Educación leva a nova sesión do ciclo de música contemporánea ao Museo do Mar de Galicia
O espazo museístico vigués acollerá o concerto ‘O canto das baleas’, no que o grupo Vertixe Sonora interpretará obras dos compositores Charles-Antoine Fréchette e Fernando Garnero. O músico e profesor Abraham Cupeiro evocará o canto das baleas cun instrumento celta, o ‘karnix’
Na sesión, que terá lugar o xoves 26 de xuño ás 20 horas, o público poderá mergullarse nalgunhas das obras mestras do século XX inspiradas no mar da man do crítico e divulgador musical Francisco Ramos
Santiago, 25 de xuño de 2014.- O ciclo Do Audible 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria chega a Vigo esta semana cunha sesión que terá o mar como protagonista. ‘O canto das baleas’ é o título da segunda sesión desta programación coa que o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad ofrece un novo espazo de achegamento á música e ás expresións contemporáneas.
Logo do seu paso por Ourense, Do Audible atracará o xoves 26 de xuño, ás 20 horas, no Museo do Mar de Galicia en Vigo, para dar a coñecer algunhas das obras mestras inspiradas no mar aparecidas no século XX. Para iso, o ciclo propón unha sesión conducida polo crítico e divulgador Francisco Ramos, autor de ‘La música del siglo XX. Una guía completa’, editada na editorial Turner, e que contará coa actuación do grupo Vertixe Sonora Ensemble.
Un percorrido polas paisaxes sonoras martítimas
Os músicos Pablo Coello (saxofón), Alessandra Rombolà (frauta), Criptana Angulo (violonchelo), David Durán (piano), Diego Ventoso (percusión) e Ramón Souto (difusión de son) serán os encargados de interpretar a obra ‘Toposition(s)#3’, na que o compositor Charles-Antoine Fréchette investiga paisaxes sonoras marítimas. Escrita para saxofón, percusións, piano e violonchelo amplificados, representa diversos comportamentos das ondas, pero tamén os sons das baleas e o interior resoante dun barco atrapado nunha tempestade. O canto das baleas será evocado polo músico e profesor Abraham Cupeiro a través do ‘karnix’, un instrumento celta.
Do Audible tamén inclúe na nova sesión a obra ‘Ballad’, na que o compositor arxentino Fernando Garnero lle dá inicio ao seu ciclo Avoidances, onde constrúe gramáticas imaxinarias a partir da confrontación de obxectos estéticos referenciados preexistentes. Escrita para frauta, saxofón, piano, percusión e electrónica, en ‘Ballad’ somete un estándar do jazz a continuos cambios a diferentes niveis.
Próximas sesións
A Secretaría Xeral de Cultura programará a terceira sesión do ciclo Do Audible, ‘A música das esferas’, o 11 de outubro ás 20 horas na Casa das Ciencias da Coruña. A programación de 2014 rematará o 14 de novembro, tamén ás 20 horas, no Museo de Pontevedra coa sesión ‘A música e o diabólico’. Todos os concertos son de balde ata completar a capacidade.