Nova: Incrementan os usuarios nas bibliotecas de xestión autonómica durante o último ano
11/01/2016
Incrementan os usuarios nas bibliotecas de xestión autonómica durante o último ano
Santiago, 11 de xaneiro de 2016.- Con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas, que se celebra o 11 de xaneiro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, visitou a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela. Acompañado pola subdirectora xeral de Bibliotecas, Cristina Rubal, e pola directora da biblioteca, Carina Fernández, o secretario xeral destacou o incremento do número de usuarios e de usuarias das bibliotecas centrais territoriais, de xestión autonómica, durante o último ano, concretamente nun total de 10.851 nas bibliotecas públicas de Lugo e de Ourense, na Ánxel Casal de Santiago de Compostela, na Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra e na Miguel González Garcés da Coruña, o que supón un 5,6% respecto do ano 2014.
A Biblioteca Pública Ánxel Casal, que incrementou en 2.808 os seus usuarios e usuarias durante 2015, ata acadar os 35.091, ofrece ata final de mes unha mostra bibliográfica con obras baseadas nos libros e na lectura para conmemorar o Día do Usuario/a das Bibliotecas.
As bibliotecas centrais territoriais das cidades galegas e a Biblioteca de Galicia, en Santiago de Compostela, organizan ao longo do día diversas iniciativas dirixidas a todos os públicos para promover a celebración desta data. Visitas guiadas para coñecer os servizos que ofrece cada centro, obradoiros, mostras, recoñecementos para os lectores máis activos e agasallos para as persoas que se acheguen nesta xornada ás bibliotecas centran a propostas conmemorativas.