Nova: A Casa da Parra celebra tres décadas de traxectoria cunha mostra fotográfica que reúne oito miradas sobre a natureza
27/01/2016
A Casa da Parra celebra tres décadas de traxectoria cunha mostra fotográfica que reúne oito miradas sobre a natureza
Caxigueiro, Carmen Chacón, Denís Estévez, Xurxo Gómez-Chao, José Meis, Olga Osorio, Xoán Piñón e Manuel Sendón participan neste proxecto colectivo comisariado por Mercedes Rozas
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2016.- A Casa da Parra inicia a súa programación de 2016 coa exposición ‘Camiño de volta’, no ano no que este centro expositivo da Consellería de Cultura e Educación cumpre tres décadas de traxectoria. Este mostra colectiva, que abriu esta tarde as súas portas, reúne distintas lecturas sobre a natureza realizadas por Caxigueiro, Carmen Chacón, Denís Estévez, Xurxo Gómez-Chao, José Meis, Olga Osorio, Xoan Piñón e Manuel Sendón.
Comisariada por Mercedes Rozas e coa coordinación de Pilar Corredoira, a mostra ofrece “unha reinterpretación do novo paisaxismo na arte fotográfica galega; de paisaxes como a da serra do Courel, da costa das Rías altas, dos Canóns do Sil, das Fragas do Eume ou do Pico Sacro”,segundo afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, durante o acto de inauguración da exposición, no que tamén destacou a fotografía como unha das disciplinas que ten aportado máis elementos para a construción dun imaxinario colectivo da paisaxe contemporánea.
Creadores e creadoras cunha sólida traxectoria artística dialogan con figuras emerxentes arredor do concepto de paisaxe, desde a orixe da propia palabra e os seus estudos etimolóxicos e literarios ata as numerosas análises estéticas. Cada un deles contribúe con varias pezas de diferente formato á creación dun discurso artístico múltiple, que inclúe tamén unha instalación de cine.
Achegamento á natureza desde diversas lecturas
A exposición ‘Camiño de volta’ recolle a obra de oito creadores e creadoras que, a través dos seus rexistros fotográficos, interpretan a esencia das cousas, a esencia dun territorio. Todos eles conciben a natureza desde diferentes perspectivas: partindo da realidade tal e como se presenta, acomodándoa á utopía, suxeríndoa, axexándoa desde o compromiso, intervíndoa nas súas ou contemplándoa e gozándoa desde a experiencia.
Neste marco, a exposición pretende mostrar esa creación da paisaxe como un compoñente encadeado a outros substratos, substancialmente á poesía, a música ou ao cinema, apostando así pola posibilidade de viaxar pola cultura sen marcos establecidos, coa liberdade de soportes, linguaxes e conceptos.
Encabezando a mostra atópanse as palabras do poeta galego Uxío Novoneyra, autor de ‘Os Eidos’ e do poema “Se o pasado é pasado”, cuxos versos alumean, coa emotividade desa visión que el tiña da terra, as obras dos oitos artistas.
Un centro expositivo de referencia
Localizada no centro histórico compostelán, ao pé da catedral de Santiago, a Casa da Parra que acolle a mostra posúe unhas especiais características arquitectónicas que potencian a diversidade dos proxectos, centrados fundamentalmente en programacións de produción propia de artistas galegos de vangarda ou de creadores foráneos vinculados con Galicia.
Desde a exposición do fotógrafo Xaquín Novoa en 1986 ata a actualidade, foron máis dun cento de exposicións as que converteron a Casa da Parra nun espazo de referencia para a arte desde a capital de Galicia, na emblemática praza da Quintana.